Galego, Galician, Galizisk… Lingüística computacional e a maldición de Babel

As novas tecnoloxías ao servizo da Lingüística está a dar pasos de xigante. Empezamos cos dicionarios e os tradutores en liña, pero agora non para de saír á luz experimentos curiosos. Google e Microsoft están investindo grandes cantidades de cartos en perfeccionar a lingüística computacional e as traducións simultáneas.

A este paso seguro que a tecnoloxía acabará coa “maldición bíblica de Babel”.  Chegará un día no que o Tradutor Universal de ‘Star Trek’ deixe de ser ciencia ficción. Para entón, os  seres humanos de distintas rexións do planeta e con distintas linguas poderemos comunicarnos entre nós sen necesidade de aprender outros idiomas, simplemente usando sofisticados sistemas de tradución en tempo real. O que teremos é que preguntarnos se realmente queremos non aprender outras linguas unha vez que xa non nos resulte necesario. Seguramente a resposta será que entón aprenderemos por curiosidade, para saber máis, para medrar.

A última novidade neste terreo é o  Word Map, un proxecto desenvolvido en Brasil que reúne o Google Translate e o coñecemento colectivo da Wikipedia para poñer en contexto a relación entre linguas e espazos xeográficos. Con esta aplicación configúrase un mapa no que se combinan a tradución escrita e sonora, por un lado, e a localización xeográfica, por outro, en consecuencia o usuario obtén información sobre como se escribe e como se pronuncia case cualquera palabra en cualquera idioma en cualquera parte do mundo.

Por agora o sistema aínda é moi rudimentario, pero mirade que ocorre se introducimos a palabra “galego”…

FONTE: GCIENCIA