25N – DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

Advertisements

POR FIN, UNHA BOA NOVA: O TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALIZA (TSXG) BOTA POR TERRA DOUS DOS TRES EIXOS CENTRAIS DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO (2010), COÑECIDO COMO O DECRETAZO CONTRA O GALEGO.

O 25 de Xaneiro de 2010, despois dun ano traballando, en privado, neste blogue para as aulas, comecei a publicación de novas en torno á lingua cunha terrible noticia: a promulgación do Decreto de Plurilingüismo, popularmente coñecido como o  DECRETAZO CONTRA O GALEGO. Alí colguei por vez primeira unha presentación na que facía unha análise comparativa entre o Decreto de 2007 (que pretendía desenvolver o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), ao amparo da Lei de Normalización Lingüística (1983)) e o Decreto de 2010 (o chamado Decreto do Plurilingüismo ou Decretazo contra o Galego, posto que supoñía unha involución no proceso de normalización da lingua propia de Galiza).

O polémico Decretazo provocou unha reacción na rúa sen precedentes. A sociedade saiu en masa a manifestarse en defensa da lingua propia. Publicáronse infinitos maniestos (Manifesto a prol da convivencia lingüística, Manifesto pola hegemonia social do galego, Manifesto “o galego é útil”…) Xurdiron numerosas plataformas, colectivos e asociacións cidadás para serviren de canle a ese sentir popular en todos os seus ámbitos: PROLINGUA, GALEGO: PATRIMONIO DA HUMANIDADE, GALIZA CO GALEGO, PROFES CO GALEGO. Mais, seguramente, os dous colectivos que maior repercusión tiveron e seguen a ter na defensa e promoción da nosa lingua foron QUEREMOS GALEGO e a COORDINADORA GALEGA DE EQUIPOS DE DINAMIZACIÓN E NORMALIZACIÓN DA LINGUA (CGENDL).

Esta semana, o xoves 22 de Novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) fixo pública a súa sentenza, en realidade as súas tres sentenzas, en realación aos tres recursos presentados no seu día contra o Decreto do Plurilingüismo polo sindicato CIG-ensino, pola aosicación A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGüÍSTICA e pola plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO!. A sentenza estima parcialmente eses recursos e bota por terra dous dos tres eixos centrais do Decreto do Plurilingüismo (2010), coñecido como o Decretazo contra o galego:

  1. Anula o artigo 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil  O TSXG afirma que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”.
  2.  Anula o 12.3., no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego. O TSXG afirma que este punto do Decreto contradí o mandato da Lei de Normalización no seu artigo 13.2 que esixe o “fomento do uso progresivo do galego”, xa que “non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo”.

As consecuencias a día de hoxe do Decreto de 2010 podemos observalas na seguinte gráfica, que constata que supuxo por exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de infantil das cidades.

Ademais o TSXG salienta que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais.

 

Se temos en conta que, no mes de outubro, o Comité de expertos do Consello de Europa criticaba a política lingüística do goberno en Galiza, que o mesmo Consello Europeo instaba a devolverlle a prioridade ao galego nas aulas, e que este Decreto do Plurilingüismo viu a luz co voto negativo do Consello Consultivo así como do Consello Escolar de Galiza; agora, esta sentenza ven a poñer fin a un camiño que nunca debeu ser iniciado polos representantes políticos institucionalmente obrigados a levar a cabo un labor contrario ao que realizaron: promover e promocionar o uso do galego en todos os ámbitos do seu territorio, é dicir, normalizar a lingua propia do país.

http://www.crtvg.es/flowplayer3/flowplayer.commercial-3.2.7.swf

OS MEDIOS RECOLLEN A SATISFACCIÓN COA QUE TODOS OS SECTORES GALEGOS ACOLLERON A SENTENZA DO TSXG:

AGÁS UN…

PERO, A PESAR DE TODO, A XUNTA DESCARTA DERROGAR O DECRETO DE 2010, MESMO CUNHA SENTENZA XUDICIAL EN CONTRA…

COMO É POSIBLE?

SE QUERES VER A SENTENZA, CLICA AQUÍ: A MESA

O GALEGO SI ATOPA CANCELAS NAS CANCELAS

O curso pasado abordamos a obra e a mensaxe do máis grande empresario galego (galego, non por nacer en Galiza, senón por defender e promover a súa identidade galega a través da súa lingua e do seu facer cotián), Valentín Paz-Andrade.

Na súa obra, Galicia como tarea (1957), V. Paz-Andrade diríxese ao empresariado industrial galego e as elites da burguesía autóctona. Vai aló máis medio século (…) pero o destinatario fíxose o xordo e o cadro diagnóstico deseñado por Valentín hai dez lustros segue a describir aínda hoxe a patoloxía endémica deste país.

Dicía Valentín Paz-Andrade ( o máis grande empresario galeguista que tivo o noso séc. XX) no segundo aniversario da fundación da Caixa Rural do Lérez en 1928, que o feito económico é a base fundamental dos problemas sociais. E repetía en 1959, ante o Proxecto (propositadamente frustrado) de Petróleos de Galicia S.A.: Para min o programa empresarial podería comezar a redimir  positivamente a Galiza do subdesenvolvemento, da incultura, da miseria rural, do éxodo ventureiro, da marxinación secular que ven padecendo.

Para el, Galiza pode progresar, sobre todo na economía, se acredita no seu idioma e tende pontes co sistema internacional que orixinou; por iso non debía haber no noso país xente que tivese opinión distinta que recomendar e esixirlle a todos os galegos que falasen a súa lingua.

Desde 1928 a 2012 transcorreron 174 anos e, por desgraza para o galego e para os galeg@s, nada parace ter mudado no mundo da empresa en relación á utilización do idioma propio de Galiza. Así, tristemente, asistimos máis unha vez á inauguración dunha nova superficie comercial, o ano paso fora Marineda City, na Coruña, desta volta é en Compostela, trátase do novo centro comercial As Cancelas. En ambos os dous casos o complexo lingüístico segue a ser o máis grande de Europa…

A inauguración de As Cancelas non ficou exenta de polémica. Numerosas foron as persoas que se achegaron até o impoñente edicifio de 50 mil metros cadrados a estrear para berrar contra o uso de produtos reclamo como o leite, contra unha política lingüística onde o galego non ten cabida, contra a destrución de postos de traballo no pequeno comercio e contra o modelo de consumo que se promove desde as grandes superficies.

PARA SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: SERMOS GALIZA, A MESA

Roteiro Literario de A esmorga

Imos facer un roteiro pola cidade de Ourense, percorrendo os espazos polos que deambularon, mollados pola chuvia e polo viño, os tres esmorgantes aos que Blanco-Amor deu vida.
Este será o noso percorrido: ROTEIRO, trasladado a Google maps, seguindo os pasos do Roteiro elaborado pola Asociación Alexandre Bóveda.
Pero de nada valerá deternos en cada curruncho onde se agocharon aquela noite o Castizo, o Bocas e o Milhomes, se antes non lembrades a historia tráxica destes seres marxinais, ou se nada sabedes do autor que os creou nin da época en que foi enxendrada a primeira novela galega urbana e moderna.
Para encher os ocos da vosa fráxil memoria ou para facervos simplemente con datos que vos poidan axudar a desfrutar do que vexades, déixovos aquí este enlace á páxina que creei para esta ocasión: AULAS DE LINGUA E LITERATURA.
Tamén podedes atopar os enlaces na Aula Virtual.

No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

O ano 2012 foi o ano adicado a Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova que nacera cen anos atrás, en 1912, e que publicara cincuenta anos atrás, en 1962, a obra poética máis representativa da posguerra, Longa noite de pedra. O poema co que se inicia o libro fora  concebido nun contexto concreto: o vivido polo poeta cando padeceu prisión no ano 1937, en plena guerra civil. Este poema é considerado o precursor da poesía social no estado español. Despois, a voz de Celso Emilio xuntaríase na década dos 50 á de Gabriel Celaya (Lo demás es silencio, 1952 e Cantos Íberos, 1955) e á de Blas de Otero (Redoble de conciencia, 1951 e Pido la paz y la palabra, 1955), ao publicar O soño sulagado, 1955; e na década dos 60 á voz catalá de Salvador Espriu (La pell de brau, 1960) e á voz en euskera de Gabriel Aresti (Harri eta Herri, 1964).

No peche das celebracións polo seu centenario, o ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo quere ler, recitar, dramatizar, espallar a súa obra en toda a comunidade educativa. Para iso programou encontros diarios na Biblioteca do centro para dar vida aos poemas do celanovés. Agárdase a participación de até 100 persoas do noso centro para recitaren 100 poemas distintos. Coa intención de achegar os textos ás voces, nace esta Selección poética: 100 poemas para 100 voces.

SE QUERES SABER MÁIS: AULAS DE LINGUA E LITERATURA

SE QUERES IR ENSAIANDO: DEITADO FRONTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

BÓTALLE UNHA OLLADA AO QUE FIXERON OS DO IES AS BARXAS CO POEMA: