O pai do Xabarín, Miguelanxo Prado, gaña o premio nacional de banda deseñada 2013

O Ministerio de Cultura do goberno de España ven de outorgarlle o seu máximo galardón, o Premio Nacional do Cómic, ao debuxante galego Miguel Anxo Prado pola súa obra Ardalén.

A novela gráfica Ardalén, considerada polo propio autor a súa obra máis galega, aborda o tema da memoria, das lembranzas e dos esquecementos… da perda da memoria. A obra fora xa recoñecida co premio do Salón Internacional do Cómic de Barcelona.

Miguel Anxo Prado é o debuxante galego con maior recoñecemento internacional, desde que publicara en 1990 o seu album Trazo de xiz. É o pai do porco bravo que presentaba o progrma de maior éxito da TVG durante décadas, o Xabarín Club; porén acabou sendo apartado deste representativo proxecto da CRTVG por razóns políticas, debido á crítica social que rezuma boa parte da súa obra. En 1998 foi requerido pola factoría americana Dreamworks para deseñar os personaxes da serie de animación Men in Black. Foi o ilustrador de Cando o mar foi polo río, de Manuel María, O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz , e de Bala perdida, de Manuel Rivas . En 2006 foi o responsable da primeira película galega de animación de longa duración, De profundis.

Desde 1998 dirixe, o salón Viñetas desde o Atlántico, que cada mes de Agosto se celebra na Coruña.

Miguel Anxo Prado é un dos representantes máis internacionais da produción cultural galega pola súa capacidade para ofrecer historias orixinadas na nosa realidade galega, inzadas de poesía, mais válidas universalmente. Os seus libros e cómics foron traducidos a moitos idiomas, todos eles están dispoñibles en castelán e en portugués, pola contra o máis difícil é atopalos en galego.

 

 

PARA SABER MÁIS: BD (banda deseñada)

Advertisements

Feliz Samaín!

A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta. Samaín é a palabra gaélica para referirse a esta época do ano, pois significa ” fin do verán e principio do inverno”.
Era o período máis importante do ano e a noite do 31 ao 1 a máis perigosa, porque as portas do outro mundo abríanse esa noite e as ánimas dos mortos eran quen de vir visitar o mundo dos vivos.
Os celtas acostumaban poñer, no alto dos muros, caveiras dos inimigos mortos iluminadas, coa intención de afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas. De aí vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos  cabazos.
Esta tradición viaxou cos irlandeses emigrados a América e xurdiu ao outro lado do Atlántico o Halloween
A vella tradición do Samaín, segundo o profesor galego Lopez Loureiro, esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea e, no caso do Península Ibérica, por todas as zonas con presenza do elemento céltico. En Galiza atopámola en toda a súa xeografía con nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense…etc.
O cristianismo adoptou o ano novo dos celtas e a súa festa á honra dos mortos, convertindo o primeiro de novembro no día de Todos os Santos e o 2 de Novembro no día de Defuntos.

Cando o galego venceu ao inglés

O que vou contar é verídico e aconteceu no remate dos oitenta, só variarei algunha localización e o nome da personaxe principal, porque ao mellor non lle gusta recoñecerse no narrado.

Mary, escribía o  nome así, á inglesa e non dicía que era de A Coruña, aseguraba ser de The Coronge, non daba unha palabra en galego por nada do mundo e ufanaba do inglés como se a lingua de Chéspir fora  a quintaesencia do sublime.

Por iso me sorpendeu cando, despois das vacacións de nadal, entrou pola sala de profesores pronunciando unha palabra que na súa boca soaba moi rara,

-Boas!

Logo de corresponder o saúdo, eu, esmilagrado, pregunteille por aquela sorpresiva mudanza. E contoumo.

-Fun de vacacións a Grecia, E sabes que me pasou? Un día paseaba polo porto e fíxoseme tarde, entroume fame e o hotel quedaba lonxe, así que decidín xantar algo alí, no porto. O problema era que todos tiñan a carta en grego, non atopei ningunha en inglés. Como tanto me tiña un coma outro, entrei no que máis a man tiña e sentei, agardando que me viñeran atender. Un mozo, un mozo novo pousoua carta na mesa e desapareceu mentres eu facía por escoller. Mal que podía trataba de adiviñar en que consistirían aquelesas comidas de nome indescifrábel para min. Andaba eu ocupada na operación cando regresou, libreta en man e bolígrafo preparado, agardando a miña petición, cousa que fixen sinalando co dedo na carta. El pareceu estrañarse da miña petición e quixen rectificar, igual pedira dúas sobremesas ou dous entrantes e ningunha sobremesa. Así o parecía indicar a expresión da súa cara.

-Te me equivocaría. Serán mejor estes – pensei para min, en voz alta.

-Mire, se quere comer comida en lugar de unha botella de viño e outra de aceite, fáleme en galego, que nos entendemos mellor…

GRAZAS, ANXO!

FONTE: FERRADURA EN TRÁNSITO

A guerra do galego

Informe en V

As trabas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle está a poñer ó decreto do plurilingüismo retorna á actualidade o conflito da lingua. Hai que politizar o galego no ensino? Xa non falan os cativos a súa lingua nai de forma natural? Informe en V analiza a situación actual do galego. E faino cunha fotografía do uso da lingua na sociedade. É este o peor momento para o idioma? Está o galego en perigo de extinción? Políticos, cidadáns, artistas e empresas analizan a situación sociolingüística de Galicia.
PARA VER A REPORTAXE, PULSA AQUÍ: INFORME EN V

A LOMCE apuntalou os seus puntos máis polémicos

Antes de ser aprobada hoxe no Parlamento, a Lei Wert apuntalou, nas enmendas aceptadas no Senado, os seus puntos máis polémicos, entre eles o referido ás linguas cooficiais, que van ser tratadas ao mesmo nivel que os idomas estranxeiros.

Estes son os aspectos que saen fortalecidos do Senado:

1. As reválidas poderán ser corrixidas por profesores/as de centros privados

2. Poderase contratar profesorado nativo en linguas estranxeiras á marxe dos sistemas de acceso á función pública española.

3. As administracións públicas poden liberar solo para entregarllo ás empresas privadas coa fin de que constrúan nel colexiós privados.

4.A lei afirma que seguirá financiando aos centros privados aínda que segreguen o alumnado por razón de sexo; a pesar de que o Tratado da Unión Europea e o Tribunal Constitucional de España estableceran o contrario.

5. Desposuído o Consello Escolar das súas funcións, asumidas estas polo director, este será avaliado polos resultados académicos do seu alumnado.

6. A pesar de que a Unión Europe obriga a que o alumnado curse a materia de VALORES SOCIAIS E ÉTICOS (antiga Educación para a Cidadanía), elimínase esta materia, mentres que se convirte a Relixión en materia académica e, polo tanto, puntuable, ao mesmo nivel que calquera da “materias de especialidade”.

7. O Ministerio asumirá a elaboración dos contidos das materias troncais, na procura de artellar unha formación común para todos os territorios de España, borrando así as diferenzas territorias e a pluralidade do Estado español.

8. Elimínase o termo “público” do texto legal: a “cidadanía” deixa de ter dereito ao “servizo público da educación” e pasa a ser o “beneficiario” dun “servizo educativo”.

9. O profesor/a pasa a ter a consideración de “autoridade pública”. Isto levará os problemas das aulas ao terreo da xustiza e resolveranse por decreto, non atallando a orixe do problema, non educando.

10. Acéptase unha emenda para que o castelán figure como lingua vehicular en todo o ensino no Estado

O novo formulado, non rebaixa en  nada oos polémicos postulados lingüísticos nos que se obrigaba á administración a garantir o ensino en español, mesmo en centros privados se fose necesario. Pola contra,  aceptouse a emenda 769 á disposición adicional 38. Esta contempla que o castelán figure como lingua vehicular do ensino en toda España. “Isto é incompatible cos modelos lingüísticos de inmersión, como o catalán. É outra volta máis no aspecto homoxeneizador da norma e nas trabas para que poidan subsistir os modelos lingüísticos de linguas cooficiais”.

A outra parte da emenda propón cambiar un dos parágrafos da norma que di que poden existir sistemas onde se impartan as materias non lingüísticas en lingua cooficial, para introducir que estes modelos poidan estar tamén dispoñibles como “modelos de inmersión en calquera lingua estranxeira”. Isto suporía que a lei consideraría ao mesmo nivel a lingua cooficial que unha lingua estranxeira. “Dá a sensación de que non se busca o ben común senón desprezar a lingua cooficial. Como se pode montar un centro de inmersión en italiano, ruso ou chinés garantindo ademais o ensino en castelán?”.

PARA MÁIS INFORMACIÓN: