Como sería un mundo gobernado por mulleres?

  • Un mundo gobernado por mulleres pode ser igual de disparatado e inxusto que o actual gobernado maioritariamente por homes  -e exemplos hai abondo. Depende, pois, de que clase social, que nación, que ideas e intereses se queren servir: atender a maioría social feminina ou, por contra, reforzar a súa subordinación. Outra cousa é que o acceso de mulleres a ámbitos de poder sexa un tributo á realidade da composición humana. Triunfo individual, pois, ou entrega á causa colectiva. (Pilar García Negro, política e escritora).
  • O apoio dos traballos das mulleres da nosa contorna levaría a un sistema produtivo de proximidade baseado na axuda mutua, economía local que permitiría emancipación da muller baseado en recursos da horta ou da casa (non mercariamos produtos que dan beneficio a empresas multinacionais)… Os valores do feminismo, solidarios e non agresivos, poderían ter unha repercusión positiva na natureza e en todos os ámbitos. A sororidade. (Andrea Jamardo, editora de URCO).
  • É complexo dicir como sería un mundo gobernado por mulleres, moi complexo, o que non é lóxico é pensar que o mundo sería peor do que é hoxe. Cando tes á metade da poboación loitando pola igualdade fica claro que os avanzos son menores e menos xustos. Todo dependería tamén da súa bagaxe, das influencias que tivesen…  (Silvia Seixas).

MÁIS INFORMACIÓN: SERMOS GALIZA

8 de marzo cada día do ano

Hoxe non é 8 de marzo, pero as mulleres seguimos a ser borradas da Historia. Deberíamos agardar ao vindeiro 8 de marzo para denuncialo, para reclamar os nosos dereitos, a nosa condición de iguais ao home, a nosa condición común de seres humanos, de persoas, independentemente do noso sexo ou da nosa orientación sexual; teremos que agardar ao 2013 para loitar?

A canle arxentina, Canal Encuentro, presentou un ciclo  no que Eduardo Galeano, xenial escritor uruguaio, expón a súa particular visión do mundo. Galeano relata textos seleccionados da súa obra para mostrar a súa ollada sobre a Historia, os Homes, as Mulleres, os Nenos, a Arte, os Amores… o Fútbol.

A pregunta á que debemos responder, ou sobre a que Galeano nos propón que reflexionemos é que futuro estamos a construír?

Ollade este vídeo do ciclo LA VIDA SEGÚN GALEANO, correspondente ao capítulo 1º, MULLERES

 

Reflexionade agora sobre as seguintes cuestións…

  • Quen dixo que foran homes os que realizaron as pinturas rupestres nas cavernas prehistóricas, e non mulleres?

Os Homes que escribiron a Historia! Pero, que pasaría se a Historia a tivesen escrito as Mulleres?

  • Quen dixo que fora Eva a que nacera dunha costela de Adán? Quen dixo que Eva collera a mazá que lle ofrecera a serpe no Paraíso? Quen dixo que Eva tiña que parir con dor? Quen dixo que Eva debería someterse ao dominio do seu home?

Adán, contou desde a súa perspectiva! Pero que tería contado Eva?

  • Quen dixo que San Xosé quería ter un neno e non unha nena?

Os evanxelistas que escribiron a Biblia! Pero que contarían sobre o nacemento de Cristo as santas cristiás, se tivesen elas escrito a Biblia?

  • Quen dixo que a muller estaba suxa polo sangue da menstruación?

Os homes que mandaban no mundo cristián. Se puidesen falar e cantar, as mulleres dirían (como Hildegarda) que o sangue suxo é o das guerras (que fan os homes…).

  • Por que non falamos de  mulleres na Historia? Por que case non falamos de artistas femininas até a Idade Contemporánea?

Porque foron os homes os  que escribiron esa Hitoria a imaxe e semellanza deles mesmos…

GRAZAS, MANEL, POLA FONTE!