Manifesto 25N18 (por Irene Fernández)

IMG_20181123_175814_185Durante moitos anos, vivimos nunha sociedade que consentía; que aceptaba o maltrato como algo cotián; que vía a violencia sexual como algo habitual; que permitía que os abusos e as agresións ás mulleres quedasen impunes. Todo isto debería ser parte do pasado, pero aínda hoxe, en pleno século XXI, temos que vivir con iso.

E non o consinto. Non consinto que me controles, que me manipules, que me humilles, que abuses de min e que me chantaxees emocionalmente. Non tolero que lles botes piropos ás rapazas, que cantes e bailes as cancións de Maluma, que non me sinta segura pola rúa, que me tires fotos na praia, que me persigas e que me toques o cú. Non soporto que me chames provocadora, que penses que os homes son racionais e as mulleres emocionais, que identifiques ás mulleres con conducir mal e que non entendas que non significa non. Non aturo que non me contrates por ser muller, que me sexa imposible romper o teito de cristal, que me menospreces dicindo que pelexo como unha muller e que penses que o meu lugar está na cociña.

Non quero vivir con medo, asustarme e notar as miñas pulsacións cando noto a alguén andar detrás de min ou a un coche pasando polo meu lado lentamente ou ter que chamar a unha amiga mentres volvo á casa.

Quero unha sociedade e unhas institucións que teñan claro que diante da violencia sexual hai dereitos: o dereito a acudir á policía e a ser informada e atendida sen prexuízos, o dereito a ir a calquera hospital e recibir a atención axeitada e o dereito a unha xustiza libre de estereotipos machistas e revitimizacións.

Escollo un home que me mire e non vexa un anaco de carne, que cante e baile as cancións de Rozalén ou Rosalía, que cambie de beirarrúa para facerme sentir máis segura, que elimine todo pensamento erróneo sobre as mulleres e que defenda un mundo no que o príncipe azul sexa substituído polo compañeiro que loite comigo.

Advertisements

Son muller!

MÁIS PARA VER, PARA OÍR, PARA SABER:

25N. Máis alá da violencia machista existe unha vida digna para as mulleres

o-muroAo longo do mes de novembro o alumnado colaborador da Biblioteca, o alumnado de Ciclo Medio e de 1º de Bacharelato estiveron recollendo e compartido malas noticias arredor da violencia machista.

Posteriormente, os alumnos e as alumnas de 1º de Bacharelato servíronse da obra de Carlos Negro, Masculino singular, para encher o centro de poemas en distintos soportes, pero todos contra o machismo.

Ademais, ao longo da semana pasada, nas aulas de 1º de Bacharelato-A, elaboraron o Manifesto contra o machismo deste 25 de novembro de 2016, tomando como molde o manifesto máis famoso da Literatura Galega, o Máis Alá! do poeta rianxeiro Manuel Antonio.

Finalmente, hoxe, asistimos a clase de loito polas mulleres asasinadas e a corporación municipal trasladouse ao noso centro para facer seu o noso manifesto e asistir á lectura de textos e á proxección de material audiovisual creados polo alumnado.

Foi un longo traballo. A causa merecíao. Se serviu para crear conciencia crítica e reaccionar ante calquera forma de machismo, dámonos por satisfeitos os departamentos implicados no proxecto (Equipo de Normalización Lingüística, Biblioteca, Lingua Galega e Literatura, Ciclos FP e vicedirección).

A tod@s @s que participastes e, especialmente, a tod@s @s que vos involucrades cada día na loita contra a violencia machista, GRAZAS!

Se queredes ver o resultado do proxecto, podedes facelo neste blogue: https://25novembro.blogspot.com.es/

25N. Máis alá da violencia machista existe unha vida digna para as mulleres