O pergamiño Vindel e o cinema

O pergamiño Vindel data de finais do século XIII ou principios do XIV. Recolle as sete cantigas de amigo de Martín Codax e a notación musical de seis. Na a

ctualidade, exponse no Museo do Mar de Vigo. É a primeira vez que se pode ver publicamente en Galiza.

Entre o 9 de xaneiro e o 28 de febreiro, pasarán polo CGAI dez obras de cine que intenta ofrecer unha visión ampla e diversa do medievo a través de filmes cunha traballada documentación e doutros con valores artísticos alén da veracidade histórica.

1. John Huston: Un paseo polo amor e a morte (1969).

 2. Lancelot do Lago (1974), do rigorista cineasta francés Robert Bresson.

3. Os viquingos (1958), de Richard Fleischer e protagonizada por Kirk Douglas.

4. O ladrón de Bagdad (1924), de Raoul Walsh.

5. Os cabaleiros da mesa cadrada (1975), en realidade titulada Monthy Python e o Sagrado Grial, a delirante comedia do grupo británico Monthy Python.

6. A paixón de Xoana de Arco (1928), obra mestra do danés Carl Theodor Dreyer.

FONTE: SERMOS GALIZA

Arredor do Pergamiño Vindel

O pergamiño ou pergameo Vindel é o único documento musical coñecido na actualidade que contén cancións profanas da literatura galego-portuguesa medieval. É un texto copiado a finais do século XIII ou comezos do XIV que posúe características similares ao Cancioneiro da Ajuda (colección máis antiga, de finais do s.XIII, de poesías escritas en galego medieval conservadas na Biblioteca do Palacio Real da Ajuda, en Lisboa).

A descuberta do pergamiño Vindel (elaborado con pel de vaca) veu confirmar a hipótese da existencia de follas voantes, co texto e a música das poesías trobadorescas, que eran entregadas polos trobadores aos xograres para a súa interpretación. A dobra vertical que se encontra no medio do manuscrito dános pé a pensar que se trata dunha folla voante. Na escrita obsérvanse que interviron varias mans e foi feita a tinta negra, os pentagramas con tinta vermella e as iniciais de dous tamaños con tintas azuis e vermellas. O nome do autor aparece na parte superior do pergamiño, en vermello. Polo tipo de letra e de notación musical, ambos moi próximos á das Cantigas de Santa María, podemos supor unha data de elaboración do pergamiño nas décadas finais do século XIII.

O pergamiño Vindel podería ter sido elaborado en Galicia, pero tamén nas cortes de Portugal, León ou Castela, pois en todas estas cortes se trobaba en galego ou galego-portugués. A etiqueta de galego-portugués ten un dobre sentido: por un lado designa o conxunto de falares da faixa occidental da Iberia na súa etapa medieval, e noutro máis específico, designa a koiné literaria (lingua vehicular na que se funden distintas variedades locais) na que se expresan os poetas da nosa tradición trobadoresca. Os expertos consideran que o período ó que nos estamos a referir vai desde o século XII ata o século XV e é o período dunha Galicia núcleo dun poder político que abranguía as actuais Castela, León e Estremadura. Nas últimas décadas do século XII, nas cortes nobiliarias e reais galegas colle forma en lingua propia unha manifestación literaria que se fora espallando polo Occidente europeo desde aproximadamente o ano 1100: a lírica trobadoresca, apoiada nunha harmónica e coidadosa combinación de letra e música, froito do traballo dos trobadores que compoñen cancións para o lecer dos señores da realeza e da aristocracia. Entre aproximadamente 1170 e 1350, primeiro en Galicia e deseguido en Portugal, León e –só un pouco máis tarde– Castela, tivo sona unha actividade músico-literaria que permitiu conservar o nome de máis de 150 trobadores e os textos de máis de 2000 cantigas. O soporte no que chegaron á actualidade eses nomes e eses textos está constituído fundamentalmente por tres cancioneiros diferentes.

O Pergamiño Vindel contén as sete cantigas de amigo de Martín Codax, coa notación musical incluída de seis. Os seus textos xa eran coñecidos por formar parte dos cancioneiros sen música da lírica galaico-portuguesa (Cancioneiro da Vaticana e Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa). Porén, a súa música constitúe, xunto coas sete cantigas de amor de don Dinís, achadas no Pergamiño Sharrer, as únicas mostras que se encontraron até hoxe da canción profana galaico-portuguesa.

Martin Codax, xunto con Johan de Cangas e Meendinho, representa a extraordinaria creatividade que, na nosa lingua, estourou en Galicia na época medieval. Os tres trobaron nun período da nosa historia no que o galego era expresión da alta literatura. As composicións deste período constitúen un conxunto de 1679 cantigas profanas e 427 cantigas relixiosas. Moi pouco sabemos destes tres trobadores. Os tres compoñen sempre cantigas de amigo, un tipo de composición breve na que a voz poética é unha muller namorada que se dirixe ao seu amigo, habitualmente ausente nese momento. Os tres utilizan abundantemente dous recursos: o paralelismo e o leixa-pren. Ademais, os tres comparten orixe. Probablemente proceden do entorno da ría de Vigo: Johan de Cangas da zona do Morrazo, Meendiño de Redondela ou Vigo e de Martin Codax nada sabemos da súa orixe aínda que supomos, ó igual que acontece cos outros dous trobadores, que proviña da zona da ría de Vigo polas múltiples alusións en seis das súas sete cantigas. Todas se sustentan nos motivos do mar e a auga arredor dun asunto tan antigo como actual que constitúe a antítese: a ausencia do amado / a necesidade do amor.

Martín Codax viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV. Del conservamos as sete composicións que están recollidas no Pergamiño Vindel: Ondas do mar de vigo“, “Mandad’ey comigo“, “Mia yrmana fremosa treydes comigo“, “Ay Deus se sab’ora meu amado“, “Quantas sabedes amar amigo“, “En o sagrad’en Vigo” e “Ay ondas que eu vin veer.

O libreiro máis famoso da historia, descubridor casual do Pergamiño que leva o seu nome, Pedro Vindel Álvarez naceu en Cuenca en 1865, pero aos dez anos, fuxindo do maltrato do seu padrastro, marchou a Madrid, onde aprendeu a ler e converteuse en libreiro. Vindel atopou o manuscrito na encadernación dun códice do século XIV . Os códices eran  libros elaborados a partir de pregos manuscritos, producidos desde a Antigüidade clásica até a Idade Media. O códice que Vindel mercara contiña a copia manuscrita da obra De Officiis de Cicerón, pero tamén contiña algo máis no forro que envolvía a obra.

En 1914, por azar, Vindel descubriu que o que envolvía o códice da obra ciceroniana era un pergamiño con sete cantigas medievais galegas. Entón acudiu a Víctor Said Armesto, que era o primeiro catedrático de Literatura Galaico-Portuguesa en España e  un dos dez intelectuais que colaboraran con M. Murguía na constitución da Real Academia Galega, para corroborar o valor da xoia poético-musical que acababa de atopar:  o pergamiño contiña sete cantigas de amigo do xograr vigués Martin Codax.  Inmediatamente Vindel deuno a coñecer na revista Arte Español e un ano despois, en 1915, publicou a súa primeira edición facsímile (copia case idéntica ao manuscrito).

Pero pouco tempo despois, o pergamiño desapareceu e creuse perdido durante moitos anos. Pedro Vindel vendérallo (por seis mil pesetas a pesar dos intentos de Emilia Pardo Bazán por evitalo) ao musicólogo Rafael Mitjana, quen quería estudar as súas composicións. Pero á súa morte, os herdeiros venderon a súa biblioteca de Upsala (cidade sueca onde residía) e o pergamiño foi adquirido polo bibliófilo Otto Haas e posto á venda en Londres polo seu colega Albi Rosenthal. En 1977, a Biblioteca Pierpont Morgan de Nova York mercouno e alí se conserva desde entón.

Despois de dous anos de negociacións entre a Universidade de Vigo e a fundación Morgan, esta cedeu temporalmente e de xeito gratuíto o pergamiño para a súa exposición no Museo do Mar de Vigo entre os meses de Outubro de 2017 e marzo de 2018. Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas é o título da exposición na que o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax e a melodía de seis delas, se exhibe ao público por primeira vez na historia.

(MarlouWeb)

FONTES:

NOTACIÓN MUSICAL MODERNA DE MANUEL PEDRO FERREIRA

Save

Martín Códax volve a casa

Martín Codax volve ás ondas do mar de Vigo. Despois de corenta anos no Morgan Library Museum de Nova York o Pergamiño Vindel regresará a Vigo. A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, volverá á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador galego, despois que o museo propietario do pergamiño atendese a petición da Universidade de Vigo para permitir a súa exhibición na cidade.

Xunto ao Códice Calixtino, está considerada como unha das xoias antigas manuscritas máis valiosas de Galicia.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O descubridor pronto deu conta do achado nun artigo titulado Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Códax, publicado na revista Arte Español.

Xunto coas sete cantigas de amor de Don Denís, a música das cantigas de Martín Códax son as únicas mostras atopadas da canción profana galego-portuguesa. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.

FONTE: GCIENCIA