Un mundo de entroidos

Parece que esquecemos as datas do calendario. O verán, o bo tempo, as vacacións varreron a memoria… No caos inicial de setembro, no medio dos documentos para comezar o curso, aparece agora o proxecto TIL que o curso pasado desenvolvemos en 1ºESO: Un mundo de Entroidos. Aquí o deixo…

Advertisements

Nin feminista nin machista! Seguro?

1920px-hear_speak_see_no_evil_toshoguSostén Fernanda Tabarés que sostén Paula Echevarría que non hai que ser nin feminista nin machista porque os extremos nunca son bos, que as medias tintas son mellor. O medio, sempre o termo medio aparece como o mellor. O resto son extremos, o resto é ser radical.

Ben! Situémonos no xusto termo medio. Iso significaría que as mulleres xa non temos nada que reivindicar, que acadamos a igualdade, que xa non sufrimos acoso, nin abusos, nin explotación, nin violencia exclusivamente polo feito de sermos mulleres.

Sigamos na absoluta equidistancia. Se as mulleres xa acadamos a igualdade e temos os mesmos dereitos que os homes, por que cobramos un 30% menos que os homes, segundo datos de 2016 da Axencia Tributaria? Se as mulleres somos tratadas en condicións de igualdade, por que case o 70% das horas dedicadas ao traballo doméstico as realizamos as mulleres? Se as mulleres xa non somos tratadas como obxectos hipersexualizados para satisfacer os desexos de determinados homes, por que as rapazas non poden saír soas de noite, como os rapaces? por que cada ano son violadas por homes en España máis dun millar de mulleres?

Acabemos xa coa falacia da equidistancia do binomio feminismo – machismo: a cantos homes leva asasinado o feminismo en España no que vai de ano? porque o machismo leva asasinadas “oficialmente” a 23 mulleres (extraoficialmente a 55).

A quen siga sostendo ou pretendendo argumentar que o feminismo é o oposto ao machismo e que non hai que ser nin unha cousa nin a outra, que é mellor ser neutral, ou situarse no xusto e equidistante medio, habería que recomendarlle máis información e menos opinión, máis formación e menos deformación, moitísima máis humanidade e o abandono de comportamentos como os dos tres monos sabios; pero, sobre todo, hai que desexarlles que non sufran no propio pelexo (ou no dunha filla, que tamén é pel propia) ese machismo sobre o que opinan tan frivolamente.