O pergamiño viaxeiro

Advertisements

PECHAMOS O CAPÍTULO MEDIEVAL…

Non sen tempo e xa un pouco fart@s, despois de mes e medio, pechamos a porta da Idade Media. O camiño foi longo. Hoxe veremos se valeu a pena (a ver que din os resultados dos cuestionarios na Aula Virtual!).

Espero que tod@s teñades feitos os vosos deberes: DEBÉDESME UNHA CANTIGA!

Eu xa fixen a miña…

Nunca quixen saber, mia senhor, o que o Amor era
Pois de grande Amor morreron os sufridos amadores
Vivir feliz quería eu como os paxaros cantores
Que acordaban pola alba ao sol de primavera
Mais desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece
 
Por ser Amor a causa deste ben que tanto mata
Rogarvos hei que me axudadedes a enxoitar as miñas bágoas
Só un sinal segredo pido que amorteza a miña mágoa
Porque non podo enganar ao corazón que me engana
Pois desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece
 
Non haberá no mundo dona tan fermosa coma vós
Nin de ollar tan distinguido que vos supere en mesura
Nin vasalo namorado que louve a súa desventura
Nin xogral máis entregado que cumpra de entendedor
Pois desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece
 
 Por non ousar vingarme deste Amor ue así me mata
A miña cuita de amor, senhor, preocuparvos debería
Non sexades comigo tan distante, altiva e fría
Pois quen o Amor despreza o mesmo Amor maltrata
Desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece.
 

É  moi fermosa, verdade? Talvez, fermosa demais como para que eu dera con tanta arte rimado palabras…

Non, recoñézoo, non a compuxen eu! Fixéronme os deberes en clases particulares!

Pero haberá premio para quen acerte o nome do meu TROBADOR…

Antes de despedir este longo camiño de rosas medievais que demasiado pronto se tornaron espiñas de séculos escuros, quero deixarvos sinal de que hoxe seguen vivos moitos dos xéneros medievais. QUE OS DISFRUTEDES!

En primeiro lugar, regálovos unha versión neotrobadoresca da cantiga de amigo: No niño novo do vento, da obra de A. Cunqueiro, Cantiga nova que se chama riveira.

En segundo lugar, agasállovos cunha versión brasileira da cantiga de amor: Você è linda!, cantada maxistralmente por Caetano Veloso.

En terceiro lugar, déixovos varias versións contemporáneas das cantigas de escarnio e maldizer:

…a versión de Miro Casabella para a cantiga O genete, de Afonso X

…O poema Olla meu irmán ou calquera das Cantigas de escarnio e maldecir de Arístides Silveira, pseudónimo de Celso Emilio Ferreiro

…Tamén de Celso Emilio (no ano do seu centenario), déixovos a versión rapeada por García, de DiosKeTeCrew do poema galego que máis tira por min para as barricadas, Deitado fronte ao mar

http://blip.tv/play/AYHDnGoC.html?p=1

…Chegando ao final, quero que botedes unhas risas cunha regueifa, interpretada pola señora Xosefa de Bastavales en compañía de tres magníficos artistas galegos: Xurxo Souto, Pinto de Herbón e Manu Chao (que é un francés superorgulloso das súas orixes galegas). GOZADE COA ARTE GALEGA!

…e, para acabar, quero deixarvos un bo sabor de boca, mellor, de oídos e de ollos (especialmente a algunhas…). Así que aí vos vai o escarnio punk do Leo i Arremecaghoná

SE QUERES SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: A PEGADA DA LÍRICA MEDIEVAL (CARAMINHALINGUA)