Boa viaxe!

Ao longo dos dous ou tres últimos cursos, os alumnos e as alumnas que agora iniciades 2º de Bacharelato tivestes que compartir parte da vosa viaxe académica comigo. Quero despedirme de vós, dun xeito moi pouco orixinal, cun fermoso poema de Cavafis ao que puxo música Lluis Llach.

O poema chámase Viaxe a Ítaca. Quen tivestes a sorte de compartir tamén a viaxe con Ana Rivas seguro que coñecedes a historia de Ulises, o rei de Ítaca, un personaxe creado por Homero. De Ítaca partiu o heroe para iniciar unha viaxe chea de aventuras polo Mediterráneo, ou o que é o mesmo, unha viaxe pola vida. (Ulises parte de Ítaca, mais non debe esquecer que o seu destino é Ítaca).

Cando emprendas a túa viaxe a Itaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo o de experiencias.
Non temas aos cíclopes
nin a ira de Poseidón,
nunca os atoparás no teu camiño,
se non os levas no teu corazón.

Pide que o camiño sexa longo.
Que moitas sexan as mañáns de verán
en que chegues feliz
a portos nunca vistos.

Pero ten sempre a Itaca na túa mente.
Chegar alí é o teu destino.
Mais non apresures nunca a viaxe.
Mellor que dure moitos anos
para atracar de vello  na illa,
enriquecido co que gañaches no camiño.

Ítaca. Lluis Llach