O TSXG dálle un mes á Xunta para cumprir as sentenzas do decreto

Á Xustiza non lle serve a ‘flexibilidade’ da Xunta. O Goberno galego decidiu non recorrer as sentenzas que ilegalizaron parte do denominado decreto do plurilingüismo e presentou unha “versión mellorada” do texto supostamente adaptada á legalidade. Sobre o papel, o goberno atendeu as esixencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pero este non considera o mesmo. Iso é, cando menos, o que estipula nun auto emitido a raíz do recurso contencioso administrativo interposto pola CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística: a Xunta ten o prazo “improrrogable” dun mes para cumprir coas súas obrigas.

Nomeadamente, o alto tribunal sinala que xa pasaron máis de dous meses dende que ditaminou a ilegalidade parcial do decreto e non lle “consta” que a sentenza fose “executada totalmente”. Isto quere dicir que os maxistrados non teñen constancia de que a Consellería de Educación renunciase a condicionar o reparto de materias entre idiomas ao resultado dunha enquisa entre as familias do alumnado nin que eliminase a suposta liberdade de que nenos e nenas falen o idioma que consideren oportuno con independencia da lingua na que se imparta a materia. Visto o panorama, o TSXG dispón a “execución forzosa” do ditame.

PARA SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: PRAZA PÚBLICA

PARA AMPLIAR A INFORMACIÓN PODES SERVIRTE DOS SEGUINTES ENLACES:


Galicia xa ten o .gal

Comezamos o curso cunha boa nova para a nosa lingua, para a nosa cultura, para a nosa identidade…

“Nuns tempos nos que non abundan as boas novas temos convocámosvos para dar conta do anuncio feito onte pola ICANN de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación”. Deste xeito comezou Manuel González, presidente da asociación puntoGAL, a intervención que serviu para anunciar que o .gal, o dominio galego, xa é (case) unha realidade. Despois da aprobación este venres pola ICANN e dun periodo transitorio de entre 6 e 9 meses, o dominio estará operativo no inicio de 2014.

Como lembrou o propio González, este logro é a conclusión dun traballo de máis de sete anos, dende o 10 de xuño de 2006 no que as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. “É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece”, salientou González, que tamén pediu que “ninguén trate de apropiarse del”. 110 entidades, máis de 12 mil apoios cidadáns, o consenso de todos os partidos e dos gobernos de todas as cores. González agradeceu o apoio de todo para a consecucion deste obxectivo que permitirá unha meirande visibilidade de Galicia e da lingua e cultura galegas en todo o planeta: “As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego. Vaille dar visibilidade universal á nosa personalidade particular. Hoxe é un día feliz para Galicia e para a nosa lingua”, salientou Gonzalez .

PARA SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: PRAZA PÚBLICA