Reflexións arredor da lingua galega

ATOPADO EN: AULA DE LINGUA
FONTE: DIOIVO

Advertisements

TRABALLOS 2º TRIMESTRE

Por fin colgei no vosa páxina deste blogue os traballos do segundo trimestre que foran mellor avaliados.

Se queredes velos, pinchade aquí: ALUMNOAS

Indígnate! Fala galego!

Escrevo Quero-te cem vezes hoje
cem vezes escrevo Quero-te porque te quero
e escrevo Quero-te porque te sinto dentro
e fora das palavras e no siléncio.

Na minha língua escrevo Quero-te
na tua língua, nossa.
Na palma de minha mao escrevo Quero-te
e escrevo Quero-te no teu ombro quando dormes
e Quero-tes pequenos nas etiquetas
da roupa que levas hoje.

E porque quando escrevo Quero-te já é passado
hoje escrevo tamém Quero-te no futuro,
e escrevo Quero-te com sprays nas ruas
polas que passas sempre ou nom passas nunca,
e escrevo Quero-te dentro da tua sombra
e dos teus zapatos e dos teus paxaros.

Escrevo Quero-te em código morse
com a ponta da língua onde me pidas
-.- . .-. —- – .

Um quero-te como um mamut de grande,
pequeno como umha constelaçom de sete letras,
longo como um arró entre dous vales
e, como a imperfecçom, perfecto.

Escrevo Quero-te na minha língua amante
que te lambe nos sonhos
que ás vezes se volvem realidade.
E escrevo Quero-te porque nom tenho medo,
e para cambiar o mundo escrevo Quero-te

Escrevo Quero-te nos lugares comuns
e nos segredos.
E escrevo Quero-che tamém
palatalmente.

Escrevo Quero-te no teu paráguas violeta,
e onde escrevo Quero-te nace o arco da velha.
Na lista da compra escrevo Quero-te
entre a palavra laranjas e a palavra tesoiras,
e escrevo Quero-te dentro dumha botelha.

Somos muita gente hoje
a escrever Quero-tes no país dos Quero-tes,
milheiros de Quero-tes na nossa língua
escritos na pel, nas árvores ou nas paredes.

Em cada Quero-te
que escreve alguém na minha língua
está o meu Quero-te
alá onde esteja.

E porque um Quero-te é umha palavra que brilha
escrevo Quero-te,
tamém eu com toda a gente
que hoje escrevemos
milhons de Quero-tes nas cinco mil línguas do planeta cada dia.

FONTE: CADERNO DE LINGUA DE ROMÁN LANDÍN

POEMA: QUERO-TE, DE SÉCHU SENDE EN MADE IN GALIZA

 

A EVOLUCIÓN TRAS-CONTINENTAL DA LINGUA GALAICO-PORTUGUESA. VALENTÍN PAZ-ANDRADE, 1968.

Lingua do pobo e dos trobadores era o galego que no século XIII Dom Diniz, Rei labrador, plantador e poeta, converteu en idioma oficial do seu Reino. Daquela, Galiza e Portugal mantíñanse aínda en certa unidade de espírito.  De tan nobre orixe sobreviven realidades sociais cheas de fecundidade. As que fixeron posíbel, a despeito de diferenciacións raciais, de continentes e de hemisferios, paralelos e meridianos… que un labrador de Castroverde poida parrafear cun “facendeiro” de Rio Grande do Sul, que un mineiro de Silleda poida entenderse mao a mao cun “garimpeiro” que arrinca diamantes en Rochedo ou Corguiño (Matto Grosso); unha regateira do Berbés ou do Muro da Coruña cunha varina de Peniche ou de Porto Alegre; un intelectual luso-galaico cun “bugre” dos Campos Gerais.

O mapa da lingua de Camões e Rosalía abrangue terras de catro continentes. Atendendo ao censo dos que a usan, clasifícase no terceiro posto entre as linguas neolatinas. Despois do inglés e o castelán, é tamén a terceira das Américas. Hoxe o cómputo anda polas beiras dos cen millóns de falantes. Todos se entenden, ou pódense entender, nas mesmas voces.

Con conciencia do mal, ou sen ela, mantense aínda hoxe, envolto nun senso reverencial de reliquia, ao idioma galego. Dunha banda, polo fenómeno de marxinación, que xa leva durado máis de catro séculos. Resulta, quéirase ou non, da presión asimilista que exerce o castelán oficializando. Doutra banda, polo complexo de inferioridade, que ao redor da fala propia aquela marxinación provocou na área de nacenza. A proscrición do uso nas escolas, no culto, nas relacións administrativas, etc., tiña que carrexar ao longo termo, cando menos, esta pauliña serodia da auto-subestimación. Máxime na poboación monolingüe, que aínda hoxe chega ou pasa dos tres cuartos da total.

Temos diante de nós un “status” posicional vicioso e falaz, que algún día entrará no desxeo. Mais para conquerir tan lexítimo obxectivo, non abonda coa denuncia isolada e teórica. Cando menos se se exerce como deica agora, arrequecida nos sentimentos reivindicativos e pouco máis. (…) Mais a cousa podería mudar de vez, se fósemos homes dabondo para ligar o problema do idioma a un pensamento social moito máis que á reacción sentimental.

         Fai falla escomenzar poñendo en destaque, entre os valores que a nosa lingua conserva, a súa capacidade como “medio de comunicación”. Chegou o intre de cifrar a importancia do idioma ­─mais que na súa orixe e os seus servizos á creación literaria ou histórica­─, no censo das persoas que valéndose da ferrramenta verbal recibida no lar, poden entenderse polo ancho mundo. Ao mesmo tempo compre ter en conta a evolución previsible das magnitudes demográficas que veñen avencelladas, na comunidade lingüística, resultante dun arriscado proceso histórico.

Galiza pode progresar, sobre todo na economía, se acredita no seu idioma e tende pontes co sistema internacional que orixinou.

VALENTÍN PAZ-ANDRADE, LETRAS GALEGAS 2012.

DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (10)

10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasares a usar o galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, podes comezar falándoo con descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para o ires introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, “sen rompelo nin lixalo”, iso si que deteriora o idioma. Lembra que para falar un idioma ben, primeiro hai que falalo mal e que a lingua que non se fala é a lingua que morre…

FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe