Marzo é para Francisca Herrera

Advertisements

Como ser muller e non morrer no intento

Resulta moi sinxelo falar do papel desenvolto ao longo da historia pola muller cando se é home. Coma tódolos anos, o día 8 de marzo, celebrouse o día da muller traballadora e na emisora local preguntáronlle ao noso alcalde que opinaba da situación da muller actualmente e el, pozo de sabeduría, respostou ca seguinte frase “o outro día pasei por diante dunha obra e vin a unha muller botando formigón armado e facíao moi ben”. Eu pregunteime ¿por que non o ía facer ben?, ¿acaso faltáballe algunha das extremidades?.

Bromas aparte, enseguida me din conta de que esa afirmación respondía a unha educación machista na que a frase “muller tiñas que ser” se converte en dogma de fe. Nós, homes e mulleres de hoxe en día, somos o produto da educación que nos deron e dos cambios que nós mesmos introducimos na educación recibida.
A frase deste alcalde é entendida soamente como produto dunha educación no que o papel da muller queda completamente sometido ao do home. Esta labor de sometemento non é algo que se faga dun ano para outro, os homes levamos moito tempo sometendo e relegando a un segundo plano á muller.

Sabemos, que os libros sagrados do catolicismo culpan á muller (Eva) da perda do Edén, o sentimento de culpabilidade non é propio da relixión católica, pensemos na situación que a relixión musulmán lle outorga á muller ou o caso de Pandora, que pola súa curiosidade, atributo propio da muller na mitoloxía grega, provoca que tódolos males existentes anden polo mundo.
A figura da muller ao longo da Idade Media é entendida de dúas maneiras, como berce inmaculado ou ben como portadora e provocadora de males. A Virxe María é representación máxima do ideal da muller perfecta, nai pura, que da a luz sen perder a súa virxindade e sen coñecer marido (summun da pureza), muller abnegada, respectuosa cun marido ao que non ama, calada, servizal e nai que sufre en silencio. Por outra banda existe a concepción da muller como causa de tódolos males, curiosa, irrespectuosa co marido, lasciva e mala nai. Lembremos que os prostíbulos recibían o nome de lupanares (lugares de lobas). O termo lupa (loba) empregábase para a prostituta, pois os clásicos pensaban que estas mulleres eran como as lobas e que non coidaban aos seus fillos.
A muller lasciva, casquivana, amiga dos devaneos e adúltera é, xunto co inferno, un dos grandes medos que fan tremer ao home do medievo. Na portada da praza de praterías temos representada unha muller que, por adúltera, foi condenada a abrazar a cabeza degolada do seu amante. En moitas igrexas románicas galegas podemos ver a representación da luxuria, encarnada nunha muller espida á que dúas ras lle están mamando dos peitos.

Como levamos visto a Igrexa reduce á muller a un papel secundario, que aínda hoxe ocupa, lembremos que non existen mulleres sacerdotes, non porque non sirvan, senón porque o Vaticano non lles permite dar ningún tipo de sacramento.

Se a situación da muller, no mundo eclesiástico, era mala non mellor era no mundo civil, convertida en mercadoría ca que as familias fidalgas negociaron. Pero iso xa é outra historia.

FONTE: XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS (TERRA E TEMPO)