BELOCIDADE, BONTADE E OBOS.

O que está a ocorrer coa deseducación da Educación en Galicia, e tamén coa
desgaleguización do galego, faime lembrar moito a táctica defendida por un adestrador de fútbol na histórica equipa chamada La Cultural y Deportiva Leonesa. Malia o nome do club, con esa vocación de sport-ilustrada, o devandito adestrador, preguntado pola súa concepción do fútbol, anunciou unha innovadora táctica que denominou “B+B+B”, coñecida tamén como Os tres bes.
-É en que consiste esa nova táctica?-, inquiriu un dos sorprendidos xornalistas.
-Moi sinxelo-, dixo o míster, -é a suma de tres factores fundamentais. Iso que eu chamo os tres bes.
-Pero, que factores?-, insistiu, impaciente, o reporteiro.
-Pois mire vostede, os tres bes son: belocidade, bontade e obos.

MANUEL RIVAS

(SE QUERES LER MÁIS, PINCHA AQUÍ: ELPAÍS.com)

26 DE SETEMBRO, DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

As competencias lingüísticas axudan ás persoas a comprender e  respectar os outros.

O 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, unha idea que provén do Consello de Europa para celebrar a diversidade lingüística europea e o plurilingüismo. (SXPL)

NON SÓ DE PAN VIVE O HOME

Non só de pan vive o home. Se eu tivese fame e estivese desvalido na rúa, non pediría un pan; pediría medio anaco de pan e un libro. Ataco desde aquí violentamente aos que só falan de reivindicacións económicas sen nomear xamais as reivindicacións culturais, que é o que os pobos piden a berros. Bo é que todos os homes (e mulleres) coman, pero que todos saiban! Que todos poidan gozar dos froitos do espírito humano porque senón serán convertidos en máquinas ao servizo do Estado, convertidos en escravos dunha terríbel organización social.
(DISCURSO DE LORCA, ao inaugurar a biblioteca do seu pobo)

FAITE VER, FAITE OÍR, FAITE RESPECTAR!

Comeza un novo curso inzado de obstáculos, ofensas e ataques á nosa profesionalidade como docentes e á nosa dignidade como traballadores/as. Volven os dardos envelenados sobre as nosas horas de traballo, volve a eterna envexa da España profunda tirar ao albo da nosa diana. Volven esquecer os gorbenantes que sen educación, sen escola pública, a crise será permanente e o sistema democrático perderá o seu segundo termo. Algúns, fóra da Península, xa se decataron de que o que ocorrera en París ou o que ocorreu en Londres foi a consecuencia dun deteriorado, desprestixiado e recortado sistema de ensino público. Cando se quita da “cousa-res pública” para  engordar a “propiedade-empresa privada”, créanse tales diferenzas sociais que acaban derivando inevitabelmente en violencia na rúa. O sistema de ensino público galego-español é un bo sistema: eis os valores democráticos, as actitudes pacíficas e o respecto á diversidade social do movemento do 15-M. Onde aprenderon eses valores, esas actitudes estes xoves?. NA NOSA ESCOLA PÚBLICA!!!  Quen llelos ensinou?. OS NOSOS DOCENTES!!! Eses que pasaron máis de media vida traballando por “amor á arte” noites e noites na casa preparando clases, renovando os seus materiais, formándose para atender as novas necesidades dos novos tempos, buscando, buscando e buscando até atopar a fórmula adecuada para cada un dos alumnos/as que non son quen de decatarse de que o profe/a profe xa está na aula. Horas e horas endexamais computadas, nunca pagadas agás coa satisfacción do deber (para cun mesmo) cumprido. Mestres e mestras invisíbeis para unha sociedade que os ofende cada vez que pon en tea de xuízo as súas horas de traballo,  que se comporta con eles como o camareiro no seu día de descanso: como un señorito de postín, un auténtico tirano co resto dos camareiros que ese día non libraron!

Por todo isto, no comezo deste curso 2011-2012, máis que nunca debemos facérmonos visíbeis para sermos respectados, para que non mexen por nós e pensemos que chove!

Saúde, Lingua e República!

(Grazas, Ánxeles, por achegarme o vídeo!)