Abrimos a fiestra a Rosalía

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra

FONTE: AELG

Advertisements

Rosalía é mundial

CHAMAMENTO Á TRADUCIÓN DE POEMAS DE “CANTARES GALLEGOS” ÁS LINGUAS DO MUNDO

Co adaxo da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos a Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro promoveron unha iniciativa para traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos desta obra: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”.

Adiós ríos-portugués

Adiós ríos-francés

Adiós ríos-inglés

FONTE: Planeta Rosalía

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

A AELG propón, para celebrar o Día de Rosalía, o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas

queixiñas e choros

 

 

 

 

 

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta  si ríe,
conmove si chora.
Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron,
que así mo dixeron…
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.
Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.
De noite, de día,
na aurora, na sera,
oiresme cantando
por montes e veigas.
Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantareille
de noite e de día.
Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscaime antre os robres.
Buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso…
Meniñas, ¡Dios diante!

 

#EuSonRosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

Envíalles o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!

PARA VER MÁIS VÍDEOS, PINCHA AQUí: AELG