TOCOULLE Á RIANXEIRA!

Patrimonio é o conxunto de bens e dereitos pertencentes a unha persoa. Do latín patri (pai) e onium (o recibido), ven significar “o herdado por liña paterna”. Mais nunha acepción máis ampla da palabra, patrimonio son tamén os bens, dereitos e obrigas aos que os individuos acceden tamén como membros dunha comunidade. No ámbito xudicial, patrimonio significa o “conxunto das relacións xurídicas pertencentes a unha persoa física (ser humano) ou xurídica (empresa, comunidade, nación, Humanidade) constituídas por deberes e dereitos. É dicir, por ser eu galega teño dereito ao usufructo, isto é, ao uso e desfrute do patrimonio galego; pero tamén teño a obriga de preservar ese patrimonio se quero seguir sendo galega, pois é grazas a esa herdanza común a todo o pobo galego que eu podo chamarme galega.

Hoxe utilizamos habitualmente a palabra patrimonio, mais seguramente ninguén é consiciente do seu significado. Ou, cando menos, esqueceu o significado relativo á comunidade, o que vai máis alá dunha herdanza persoal.

En Rianxo parece que o patrimonio que excede os límites da leira propia ou da horta da casa, xa non interesa. Levamos desde comezos de ano asombrándonos coas novas que a prensa nos cuspe cada día, todas elas relativas á perda do patrimonio deste Concello. Primeiro foron os EUCALIPTOS DE TARAGOÑA, despois o HÓRREO DE ASADOS, logo veu o CRUCEIRO DE DIESTE, máis tarde a PRAIA DAS CUNCHAS e agora, como non, tocoulle á RIANXEIRA!

Non é algo novo. Non hai tanto que o director da banda de Vilagarcía traducira unha peza, por certo dun músico de Rianxo, a Homenaxe aos heroes do Orzán, ao castelán, porque en galego non se entendía… E que fixeron os de Vilagarcía: NADA!

E vós tampouco ides facer nada? Vanvos traducir a RIANXEIRA e non ides sequera erguer a voz, facervos escoitar, defender o que é voso?

Non. Xa non podedes erguer a vosa voz para defender o voso patrimonio porque xa non tedes voz galega, xa perdestes o dereito a chamarvos así porque non cumpristes coas vosas obrigas, porque ignorastes os deberes que adquiristes como posuídores dun patrimonio. Agora entendo o que pasa coa lingua!

Adeus ao patrimonio artístico, adeus ao patrimonio arquitectónico, adeus ao patrimonio cultural, adeus ao patrimonio histórico, adeus ao patrimonio paisaxístico, … adeus ao patrimonio inmaterial da canción popular!

Por que non ADEUS AO GALEGO?