Galicia xa ten o .gal

Comezamos o curso cunha boa nova para a nosa lingua, para a nosa cultura, para a nosa identidade…

“Nuns tempos nos que non abundan as boas novas temos convocámosvos para dar conta do anuncio feito onte pola ICANN de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación”. Deste xeito comezou Manuel González, presidente da asociación puntoGAL, a intervención que serviu para anunciar que o .gal, o dominio galego, xa é (case) unha realidade. Despois da aprobación este venres pola ICANN e dun periodo transitorio de entre 6 e 9 meses, o dominio estará operativo no inicio de 2014.

Como lembrou o propio González, este logro é a conclusión dun traballo de máis de sete anos, dende o 10 de xuño de 2006 no que as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. “É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece”, salientou González, que tamén pediu que “ninguén trate de apropiarse del”. 110 entidades, máis de 12 mil apoios cidadáns, o consenso de todos os partidos e dos gobernos de todas as cores. González agradeceu o apoio de todo para a consecucion deste obxectivo que permitirá unha meirande visibilidade de Galicia e da lingua e cultura galegas en todo o planeta: “As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego. Vaille dar visibilidade universal á nosa personalidade particular. Hoxe é un día feliz para Galicia e para a nosa lingua”, salientou Gonzalez .

PARA SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: PRAZA PÚBLICA

 

Advertisements