30 de abril, meu irmán!

Esta noite

Oín dicir que non ías andar máis por aquí
que querías voltar, voltar, voltar.

Pois non, meu irmán,
foi simplemente un momento de abatimento
pero xa tomei folgos…
Teño toda a forza pra loitar
teño cada noite pra soñar
e cada minuto pra lembrar
quen eu son
pra lembrar de onde eu son

Esta noite vou voltar ao lugar
onde sendo criança brinquei
esta noite vou voltar ao lugar
onde sendo un rapaz eu soñei
á beira dun río, perto da casa
á casa de sempre,
co tempo aí enfrente…

(Fran Pérez / Manecas Costa / Coda: trad/Uxía)

Narf

ADEUS

   Antre a calima
traspondo o meu ollar
esquivou-se o velamio
Deixou-nos a badía
chea d’a sua ausenza
e a mañán sin perspeitiva

     Agora en terra
arredado de mín mesmo
por un oucéano de singladuras
o vento da Ría
vai virando a folla de cada emoción

    -O Sol indiferente
Sirena augardentosa d’os vapores

un retrayo de fume
n-o rompeolas d’a paisaxe
As engranaxes d’a grua
esmoen a mañán morna-

     Debaixo d’os meus pasos
xurde o ronsel d’a Vila natal
Ela c’os seus brazos cheos de sono
teima salvar-me d’un naufraxo antigo
E os meus ouvidos incautos
queren dormir n’o colo
d’as cantigas vellas

      Eu cacheaba todol-os segredos
d’as miñas mans baleiras
porque algo foi que se perdeu n’o Mar

     … alguén que chora dentro de mín
por aquel outro eu
que se vai n-o veleiro
pra sempre
coma un morto
c’o peso eterno de todol-os adeuses.