Abrimos a fiestra a Rosalía

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra

FONTE: AELG

Advertisements

Como sería un mundo gobernado por mulleres?

  • Un mundo gobernado por mulleres pode ser igual de disparatado e inxusto que o actual gobernado maioritariamente por homes  -e exemplos hai abondo. Depende, pois, de que clase social, que nación, que ideas e intereses se queren servir: atender a maioría social feminina ou, por contra, reforzar a súa subordinación. Outra cousa é que o acceso de mulleres a ámbitos de poder sexa un tributo á realidade da composición humana. Triunfo individual, pois, ou entrega á causa colectiva. (Pilar García Negro, política e escritora).
  • O apoio dos traballos das mulleres da nosa contorna levaría a un sistema produtivo de proximidade baseado na axuda mutua, economía local que permitiría emancipación da muller baseado en recursos da horta ou da casa (non mercariamos produtos que dan beneficio a empresas multinacionais)… Os valores do feminismo, solidarios e non agresivos, poderían ter unha repercusión positiva na natureza e en todos os ámbitos. A sororidade. (Andrea Jamardo, editora de URCO).
  • É complexo dicir como sería un mundo gobernado por mulleres, moi complexo, o que non é lóxico é pensar que o mundo sería peor do que é hoxe. Cando tes á metade da poboación loitando pola igualdade fica claro que os avanzos son menores e menos xustos. Todo dependería tamén da súa bagaxe, das influencias que tivesen…  (Silvia Seixas).

MÁIS INFORMACIÓN: SERMOS GALIZA

A primeira muller que dirixiu un xornal no Estado español foi a galega Mª Luz Morales Godoy

Xornalista, editora, crítica cinematográfica, muller comprometida co seu tempo, foi a representante da Asociación de Escritores Galegos en Barcelona. De 1936 a 1937, dirixiu La Vanguardia e mantivo o compromiso galeguista malia vivir desde nova en Barcelona.

Así, foi activista a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza e após o golpe de estado franquista, foi expulsada do traballo. Aliás, acusada de pertencer ao Partido Galeguista, ficou inhabilitada para exercer o xornalismo e foi encarcerada.

María Luz Morales Godoy, considerada unha referencia para a incorporación das mulleres ao xornalismo, faleceu en Barcelona en 1980. Escribiu, até os seus últimos días, no Diario de Barcelona.

PARA SABER MÁIS: SERMOS GALIZA

Maruxa Mallo e as mulleres da xeración española do 27 tamén foron esquecidadas nun mundo de homes

A Historia foi escrita polos homes. As mulleres fomos borrados desa historia masculina plural. Por iso dicía Simone de Beauvoir que o problema das mulleres sempre foi un problema de homes. A xeración dourada da intelectualidade española, na que se inclúe a pintora galega Maruxa Mallo, a xeración do 27 tamén borrou da nosa memoria a presenza das mulleres nela.

Maruja Mallo, Marga Gil-Roësset, María Zambrano, María Teresa León, Josefina de la Torre, Rosa Chacel, Ernestina de Champourcín o Concha Méndez son algunhas das representantes desta xeración da que só coñecemos popularmente os nomes dos homes: Lorca, Dalí, Cernuda, Juan Ramón Jiménez, Buñuel, Alberti

As bruxas da Idade Media: mulleres transgresoras con coñecementos

Na Idade Media, cuando coma hoxe predominaba un modelo social masculino, o saber das bruxas supoñía unha ameaza para o poder masculino, por iso foron  perseguidas e condenadas ás fogueiras.

A filósofa mexicana especialista en ciencia e xénero, Norma Blázquez Graf, na súa obra El retorno de las brujas,  explica que as mulleres sempre xeramos coñecemento, a pesar de sernos negado o acceso á educación superior, practicamente até os inicios do séc. XX . Afirma que, na Europa medieval, as mulleres (bruxas, meigas) sabían de anatomía, de botánica, de sexualidade e de reprodución; eran parteiras, alquimistas, perfumistas, nodrizas ademais de cociñeiras. As súas receitas para curar foron consideradas demoníacas porque cuestionaban o saber nomeadamente eclesiástico e, polo tanto, o poder masculino. O coñecemento que estas mulleres tiñan arredor da reprodución e da sexualidade, así como do uso de plantas abortivas, implicaba exercer unha sexualidade máis libre, e esta puña en risco a hexemonía masculina. En consecuencia, foron destruídas a través do lume purificador nas fogueiras.

Por outra banda, estas mulleres valíanse por si mesmas, vivían soas, independentes, xeraban os seus propios recursos, non dependían dos homes. Eran transgresoras.

FONTE: VADEMEDIUM