iFala

O colectivo Ora galega organiza unha exposición itinerante arredor das Irmandades da Fala co gallo do seu centenario. O 20 de maio deuse a coñecer a súa iniciativa co nome iFala, e tamén o contedor da exposición, un autobús de duplo andar.

“A mostra reproduce a historia desde unha perspectiva moderna e innovadora, mostrando que o legado das Irmandades está vixente e pode interesar tamén á xente nova. Os vídeos elaborados por persoas do noso mundo creativo contaxian o mesmo entusiasmo que levou á súa creación hai cen anos”, explicou a vice-presidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartí.

De facto, o autobús incorpora materiais interactivos e tamén música. Unha peza interpretada polo colectivo arte-terrorista Poetarras, guionizada por Illa Bufarda e no que colaboran facianas ben recoñecíbeis da escena galega como De Vacas, Ses, Isabel Risco ou David Amor.

Alén diso, paneis expositivos fan un percorrido histórico en forma de liña do tempo desde os Mártires de Carral até o golpe de 1936 cunha información básica que se pode completar no aplicativo e na páxina de iFala. A iniciativa, dixo o profesor Carlos Quiroga, de Ora galega, “fai xove algo que ten un século mais mostra unha vixencia alucinante. Ficamos nós mesmos emocionados co produto”.

FONTE: SERMOS GALIZA

PARA SABER MÁIS SOBRE AS IRMANDADES DA FALA, PREME AQUÍ: MARLOU