Tras as pegadas de Rosalía

Lieders

Non quero cinxirme ás regras da arte! Os meus pensamentos son vagabundos, a miña imaxinación errante e a miña alma só se satisface de impresións.

Xamáis dominou na miña alma a esperanza da gloria, nin soñei nunca con loureiros que oprimisen a miña fronte. Só cantos de independencia e liberdade sairon dos meus beizos, aínda que arredor sentira, xa dende o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre. Porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude.

Eu, sen embargo, son libre, libre coma os paxaros, coma as brisas; coma as árbores no deserto e o pirata no mar.

Libre é o meu corazón, libre a miña alma e libre o meu pensamento, que se alza ata o ceo e descende ata a terra soberbio coma Luzbel e doce coma unha esperanza.

Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada ou queren marcar a miña fronte cunha marca de oprobio, eu río coma eles rin, e fago, en aparencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, o meu corazón é bo; pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual ámiña feitura, e que a súa carne é igual á miña carne.

***

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.

***

Os remorsos son a herdanza das mulleres débiles. Eles corroen a súa existencia co recordo duns praceres que hoxe compraron a costa da súa felicidade e que mañá pesarán sobre a súa alma coma chumbo candente.

Espectros durmidos que descansan impasibles no regazo que se dispón a recibir outro obxecto que o que eles non representan, a abrazos que reciben outros abrazos que xuramos non admitir xamáis.

Dores punzantes e desgarradoras polo pasado, arrepentimentos vans, enmendas dun instante e reproducións eternas na culpa, e un desexo de virtude para o futuro, un nome honrado e sen luxar que poder entregar ao home que nos pide con sinceridade unha existencia núa de riquezas, máis pródiga en bondades e sensacións virxes.

He aquí as loitas precedidas sempre polos remorsos que velan o noso soño, as nosas esperanzas, as nosas ambicións.

E todo isto por unha debilidade.

FONTE: culturagalega.org

Este artigo publicouse por primeira vez en Álbum del Miño (Vigo, 1858) e é considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia e provablemente en España Fonte: Rosalía de Castro. Obra completa. Fundación Rosalía de Castro, Padrón, 1996, p. 491-492

Advertisements

Abrimos a fiestra a Rosalía

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra

FONTE: AELG