Sempre falaron por nosoutras

Recensión de María Reimóndez ao libro de Najat El Hachmi, no seu espazo de A Sega, As voces propias

Imaxe obtida da páxina de Cultura Mataró

No libro Siempre han hablado por nosotras, El Hachmi relata en primeira persoa a súa experiencia migratoria dende un contexto moi reprsivo no rural marroquí a unha España dos anos oitenta en pleno período de entrada na democracia. Narra a vivencia daquelas que se viron divididas entre dous mundos, pero cunha visión clara de cal querían habitar, malia as contradicións. España presentábase como unha liberación, como un universo de oportunidades das que antes/outras carecían. Ese proceso de alianza producíase nun contexto, como ela explica, no que o colectivo migrante marroquí era aínda moi pequeno e onde as tensións se ían resolvendo con dificultade, mais sen grandes interferencias. O estado de acollida, a clase social, a mellora económica: todo producía a sensación dun “lugar mellor” onde ás familias lles resultaba máis aceptable que as súas fillas saísen dos patróns de feminidade dos espazos culturais concretos dos que procedían. Un proceso, porén, no que pasaban desapercibidos os patróns de feminidade patriarcais da sociedade de acollida.
El Hachmi dános unha serie de claves fundamentais para entender xa non só os contextos, senón a nosa responsabilidade como sociedade branca neles.

A creación da relixión (musulmá, por que isto non semella afectar a outras?) como identidade só pode entenderse nun contexto de mentalidade colonial e racista. No meu caso, afirma El Hachmi, póñome cal ourizo cacho en canto escoito falar de “mulleres musulmás” porque non chego a entender que unifica a unha muller de Sudán (sen entrar en cuestións de clase social, orientación sexual e mil compoñentes máis) cunha de Paquistán. Para empezar, nin sequera están no mesmo continente. Igual que non unificamos a situación das mulleres finesas e das canadenses como “cristiás”, o feito de unificar identidades por relixión non é algo co que as persoas migrantes veñan, senón que é algo que a nosa sociedade produce. Só dende o marco racista poden entenderse estes termos que non nos definen pola procedencia (por exemplo, mulleres marroquís, se nos queremos referir ao Estado do que proveñen algunhas, ou mulleres amazhig se preferimos referirnos a un pobo do que proceden outras).

A autora berra contra unha sociedade que fomenta o islamismo e a islamofobia simultaneamente. Isto pode parecer contraditorio mais, igual que acontecía coa ETA, o estado capitalista precisa de inimigos comúns: neste momento non hai mellor candidato ca o “islam”. El Hachmi expresa a súa furia contra o discurso que fai que as mozas marroquís vexan agora o pano como un sinal de identidade, cando para ela foi un símbolo opresivo e vinculado á relixión. E a súa furia reborda tamén contra o feminismo islámico polos mesmos motivos, porque a relixión non pode ser o elemento unificador.   

Cando falamos do pano, as feministas decolonais que Hachmi critica, non é que falemos para defendelo, senón para ofrecer unha análise máis complexa. Para empezar, sabemos perfectamente que cuestións como a vestimenta cambian de significado constantemente dentro dos patriarcados múltiples. Quero dicir con isto que, igual que a minisaia foi liberadora na España dos 60, agora dubido que poidamos dicir o mesmo. É perigoso seguir afirmando que o pano é un signo opresivo da relixión musulmá, á parte de inexacto, porque no noso contexto entra en confluencia con aqueles que queren prohibir o seu uso no espazo público. Se imos prohibir vestimentas machistas, entón que se prohiban primeiro os tacóns que causan lesións de columna, pés e xeonllos das que nada se fala. Por suposto, isto debe parecernos absurdo porque a máxima máis importante en todo este debate debe ser sempre que os corpos das mulleres non poden regularse (máis) baixo ningún concepto.

O libro de El Hachmi leva o subtítulo “Un manifiesto valiente e necesario”. Cómpre ler e tentar tirar as leccións entre liñas que todas precisamos escoitar. Cómpre, tamén, coñecer unha diversidade ampla de voces que non están no centro e levalas aí, á cerna da nosa teoría e práctica. Partir para ler este libro da empatía coas que disiden do cómodo e do aceptado. Porque nelas está a chave do cambio de todas e cada unha das comunidades que convivimos no estado, en Europa e no planeta.

El Hachmi, N., Siempre han hablado por nosotras, Planeta, 2019

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.