A lingua wampanoag dos Mashpee un exemplo para as linguas minorizadas

Os indios de Mashpee pertencen aos wampanoag, os poboadores autóctonos da costa de Massachussets. Alá por 1970, Estados Unidos comezou a devolver aos primeiros poboadores parte das terras das que foran desposuídos por unha serie de escrituras de compravenda e tratados feitos entre partes moi desiguais en poder e dominio das artimañas xurídicas. Aproveitando ese cambio de tendencia, un chamado Consello Tribal de Mashpee foi a xuízo para recuperar parte das terras ancestrais. A peza fundamental da súa estratexia foi tentar que o Tribunal os recoñecese como un colectivo con continuidade até os nosos días.

A lingua saíu no xuízo unha e outra vez. Os wampanoag abandonaron moi pronto a súa lingua. Poderiamos dicir que “elixiron” adoptar o inglés, pero sería esaxerado soster que o fixeron pola súa propia vontade. Sen negarlles unha capacidade axentiva que os levou a optar polo que consideraron máis beneficioso, o caso é que os wampanoag non foron precisamente ben tratados polo home branco. En 1970, ninguén falaba xa a lingua wampanoag.

James Clifford, un destacado historiador do cambio cultural, seguiu todas as sesións do xuízo e escribiu sobre el un penetrante ensaio a partir das súas anotacións. Nunha delas lemos algo sobre unha anciá que lembraba que unha vez escoitara ao seu avó falar nesa lingua. Lembraba a sorpresa de súa nai, que preguntaba: “Papá, por que non me dixeches que podías falar indio?”. Lembraba tamén que ela mesma engadira: “Avó, por que non nos dixeches que podías falar indio? Por que non nolo aprendiches?”. E a resposta do avó: “Eu só quería que os meus fillos aprendesen ben o inglés”.

A declarante, a súa nai, os seus fillos e netos non tiveron opción. Os seus antepasados si a tiveran, pero creron que podían mellorar a situación dos seus descendentes adoptando en exclusiva a lingua que lles parecía a opción gañadora.

O Consello Tribal de Mashpee perdeu o xuízo porque o Tribunal considerou que non tiñan historicidade: non conservaban estruturas comunais que probasen a súa vontade de perdurar como grupo, e nin sequera tiñan unha lingua que avalase a súa pretensión. A súa identidade como unha das nacións dos primeiros poboadores esluírase co paso do tempo. Xa non eran indios, eran cidadáns. O que parecía unha vantaxe amosouse como daniño para eles moitos anos despois, cando o abandono total da lingua propia estaba xa consumado.

FONTE: LA OPINIÓN

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.