Exclusión do idioma galego na exposición ‘In tempore sueborum’

O primeiro reino medieval de occidente fundouse na Gallaecia coa chegada do rei suevo Hermerico e o seu pobo a principios do século V. Poucas décadas despois Requiario, convertido ao catolicismo, sería precursor na emisión de moeda propia, salientando así a súa independencia do Imperio Romano. Velaquí o xermolo fundacional do Reino de Galicia. Os suevos gobernaron Gallaecia durante case 200 anos establecendo un espazo identitario, político e xeográfico do que hoxe somos herdeiros. Nese territorio nacería logo a lingua galega.

Hoxe poderiamos conectar estes feitos e gozar en Ourense da exposición In tempore sueborum, coñecendo máis do noso Reino Suevo dos séculos V e VI. Porén, as entidades organizadoras, Deputación e Xunta de Galicia, aproveitaron a ocasión para causarlle outro agravio máis á lingua galega e a todos os galegos.

ProLingua denuncia que se edite un catálogo só en castelán de 308 páxinas a cor e con fotos e que unha secundarizada “versión en galego” apenas teña 120 páxinas sen fotos nin cores. ProLingua reclama que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia fagan da lingua galega a base fundamental da súa acción cotiá e non sigan a secundarizar e a reducir os usos do único idioma propio de Galicia.

FONTE: PROLINGUA

Advertisements