A utilidade do inútil

O ano 2016, coa imposición da LOMCE, pasará á Historia como o ano en que Letras e Ciencias ficaron definitivamente separadas en aras dunha demagóxica calidade de ensino só para uns poucos, ao servizo dun progreso mal entendido que ao parecer só  pode ser acadado a través do comercio, do diñeiro, polo tanto das contas, das matemáticas, é dicir, das ciencias. Así que, as letras non serven para acumular riquezas e o tempo é demasiado precioso como para perdelo en especulacións ociosas, polo tanto as letras son asuntos menores para entreter aos que non saben de matemáticas. As letras non son útiles e todo o que non é útil desprézase.

O ano 2016 tamén é o ano da celebración do 24 centenario do nacemento de Aristóteles, para uns “o filósofo”, para outros “o científico”. Porque Aristóteles practicaba a curiosidade, que resolvía a través das disciplinas científicas e, despois, extraía as implicacións filosóficas das mesmas. Por unha parte, Aristóteles rexeitou o vacío e defendeu a finitude do universo, concepción que os partidarios actuais de certos modelos cosmolóxicos nunca poderán desprezar como fan coa infinitude do espazo de Newton. Por outra parte, Aristóteles ensinounos a percibir a causa da emoción que provoca a representación tráxica. Mesmo nos axudou a entender, coas súas reflexións ético-políticas, as tremendas consecuencias da ausencia de xustiza social.

Hoxe, a ciencia volve aos grandes interrogantes filosóficos: cal é o papel do home e da muller no entorno natural?, por exemplo. Así que volvemos a Aristóteles e a Filosofía volve á súa orixe. Pois a Humanidade segue desexando coñecer e simbolizar.
En consecuencia, unha educación que non queira ser só instrución, deberá ter como obxectivo: pensar en liberdade. A liberdade era considerada por Aristóteles como condición da realización do ser humano, polo que a condición de escravo equivalía para el a ser repudiado pola humanidade. Con el aprendeu Marx que o traballo escravizante é deshumanizador. Só cando as necesidades primarias están satisfeitas (comida, casa…) procura o ser humano o coñecemento, saber por saber, sen procurar ningún proveito material. Neste sentido a Filosofía é unha ciencia libre, pois o seu único obxectivo é ela mesma. Unha educación guiada por este principio permitirá que os individuos recuperen o espírito curioso da súa infancia arredor das humanas cousas. Nenos e nenas fanse interrogantes continuamente, pois todo o que lles rodea os sorprende. Ese é o primeiro motor da Filosofía.

FONTE: Aristóteles nos enseñó a pensar. EL PAÍS, 28/05/16

Save