A influencia dunha lingua na cultura global

Habitualmente, cando queremos medir a importancia dunha lingua na cultura global botamos man do número de falantes ou do seu nivel económico. En consecuencia, vendo o enorme número de falantes do chinés-mandarín e, sobre todo, vendo o crecente poderío económico de China, deberíamos aconsellar aos xoves aprender chinés e mesmo substiuílo polo inglés nas aulas, pois semella que o chinés será a lingua do futuro.

Porén, nin o número de falantes, nin a riqueza económica son o que máis condiciona a influencia dunha lingua a nivel global. Segundo as conclusións dun estudo publicado na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) , a influencia dunha lingua mídese principalmente pola súa capacidade de relacionar linguas distantes, polo seu grao de relación con outras linguas, pola súa capacidade de servir de instrumento de comunicación entre linguas incomprensibles entre si. É dicir, pola capacidade que unha lingua ten de tender pontes entre linguas que representan culturas moi diferentes e moi afastadas. En consecuencia, a lingua franca do futuro podería ser outra…

Nese sentido, o chinés-mandarín é unha lingua periférica, illada en si mesma polo tamaño do seu propio territorio, que lles permite ser autosuficientes. Ademais o chinés é útil en China, pero non é unha lingua falada  noutras rexións debido á  súa complexidade.

Servíndose dos datos provenientes do Twitter, da Wikipedia e de traducións literarias, e utilizando un algoritmo semellante ao que utiliza o motor de busca de Google, @s investigador@s elaboraron tres mapas cuxos resultados situaban 75 linguas no centro das relacións lingüísticas e cunha influencia global superior á que lles daba o seu PIB ou o número dos seus falantes. Esas si poderían ser as linguas do futuro.

Os resultados destas investigacións sitúan o inglés, e non o chinés-mandarín, no teito da influencia global  pola súa capacidade de relacionar os falantes doutras linguas entre si. E, a pesar do número de falantes do chinés ou do árabe, estas linguas xorden como periféricas, fronte ao portugués, ao francés ou ao italiano moito máis centrais e influentes a pesar do seu menor número de falantes, así como do seu menor poderío económico.

No chanzo máis elevado, tras o inglés, as linguas máis influentes son o francés, o español, o italiano e o ruso. No seguinte chanzo, atópanse o holandés, o portugués, o sueco e o dinamarqués. Mais o salientable deste estudo é que tamén atopamos entre estas ” linguas centrais” a presenza do galego.

Estes resultados demonstran que a cultura e a lingua están intrinsecamente ligadas e que promover unha é promover a outra. Así as cousas, as linguas do futuro serán as linguas que hoxe entendan a importancia da alofonía (aumentando o número de estranxeiros que falan a nosa lingua e a tradución de libros para outras linguas), pois o inglés manterá o seu dominio, pero non corremos o risco de ter unha única lingua global que elimine as outras.

FONTE: Publico.pt

Advertisements