Martín Códax volve a casa

Martín Codax volve ás ondas do mar de Vigo. Despois de corenta anos no Morgan Library Museum de Nova York o Pergamiño Vindel regresará a Vigo. A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, volverá á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador galego, despois que o museo propietario do pergamiño atendese a petición da Universidade de Vigo para permitir a súa exhibición na cidade.

Xunto ao Códice Calixtino, está considerada como unha das xoias antigas manuscritas máis valiosas de Galicia.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O descubridor pronto deu conta do achado nun artigo titulado Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Códax, publicado na revista Arte Español.

Xunto coas sete cantigas de amor de Don Denís, a música das cantigas de Martín Códax son as únicas mostras atopadas da canción profana galego-portuguesa. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.

FONTE: GCIENCIA

Advertisements