Imos dar a despedida ao Café, bolo e lingua

Hai seis anos, como Teseo chegou a Creta, chegastes vós ao Instituto, dispostos a percorrer o seu labirinto. Primeiro obrigatoria e despois voluntaria e valorosamente, dispost@s a loitar contra o Minotauro, ese monstro voraz que vos agardaba oculto en cada proba, en cada exame. Ese monstro atopástelo tamén no voso interior (inseguridades, ansiedades, tristuras) disposto a devorarvos en calquera momento e a derrotarvos no voso camiño. Pero lograstes dominar o monstro, rematar a tarefa e saír do labirinto, non para regresar á casa-nai, senón para iniciar a vosa viaxe polo mundo, para entrar nun novo labirinto: a vida!

Mañá comezades a percorrer ese novo camiño e precisarades, para poder atopar un día o camiño de regreso á casa, o fío de ouro que Ariadna lle entregou a Teseo. Eis a nosa misión como docentes, ese é o noso legado: o fío, o instrumento que vos permita loitar contra o Minotauro e non sucumbir ante as desigualdades sociais como @s xoves atenienses.

Non somos oráculos. Non podemos predicir o voso futuro. Non podemos evitarvos os perigos nin librarvos do fracaso. Pero temos, como o oráculo, o deber de proporcionarvos as armas para loitar cos monstros, o deber de ensinarvos a tomar decisións.  Mais as decisións son vosas! E só vós sodes responsables delas. Teseo sálvase porque cre en Ariadna, confía no fío que ela lle entregou.

Desconfiades do noso legado porque credes que entre os pensamentos que hoxe vos moven e os que, na primeira xuventude, nos moveron a nós semella que hai moita diferenza. Mais desde a perspectiva da segunda (case terceira) xuventude vese que, entre onte e hoxe e o que vós fagades por vir, cose o fío de Ariadna a paixón exaltada do pasado ás perdas e receos do presente.  Loucura ou posibilidade: o feito, feito está! E hoxe é o fío que se vos entrega para tecer e destecer o voso porvir.

Debedes saber que a batalla non rematou, nin morreron nela todos os combatentes, nin corou a vitoria a nosa loita. Que o camiño empeza hoxe, cando botades a andar cos pés nus; e nel, como nunha esfinxe, fican ocultos os segredos da vida que vos agarda.

Non temades crearvos inimigos: pobre do que non os ten!

Lembrádevos de Castelao e non lle poñades tachas á obra mentres non estea rematada e, o que pense que vai mal, que traballe nela, porque hai sitio para tod@s. Pero non permanezades na quietude, non deixedes que morran as ideas por unha fatalidade do destino. O voso futuro construídelo vós cada día; o noso destino construirédelo vós a partir de mañá.

Non esquezades que a perseveranza é a virtude dos pobos e a coherencia, a virtude dos individuos. Se ben é duro perseverar río arriba e contra o temporal, é máis duro aínda ser coherentes sendo sempre diferentes. Pero vale máis loitar como Quixote contra muíños de vento ou como Rosalía contra as sombras, como unha estranxeira na súa patria, que permanecer mudos como cadáveres na procura da terra.

Se pensades que nós non nos equivocamos en todo, que non todo pasou inutilmente, que algo vale o que vos entregamos, que aínda vos queda moito por facer… entón, temos futuro! Porque seredes quen, como Teseo, de vencer ao Minotauro e regresar a casa, sen Ariadna, pero con novos fíos de ouro.

 

Advertisements

O papagaio

Pepe Carreiro e Abraham Carreiro presentan “O Papagaio“, un xornal mensual dirixido a lector@s de até 12 anos.
En Trafegando ronseis contan isto sobre a nova publicación:

Preguntados polo motivo do título, Pepe comenta que foi idea do seu fillo, Abraham, xa que o papagaio é un animal que se presta a ser mascota, e máis un animal que fala, e que se pode dirixir a este tipo de lectorado.
A idea xorde porque ambos aman o mundo do Xornalismo e querían encher un oco baleiro, pois non hai nada semellante dirixido a alumnos e alumnas tan nov@s.