Primavera das Letras

A Real Academia Galega acaba de poñer en marcha Primavera das Letras, un proxecto co que pretende axudar o profesorado no importante labor que desenvolve arredor do Día das Letras Galegas. A cerna desta iniciativa é unha páxina web, academia.gal/primaveradasletras, desde a que se fornecerá os centros de ensino de distintos recursos didácticos, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria, aínda que tamén haberá actividades e outros contidos útiles para traballar co alumnado de secundaria.

A traxectoria de Manuel María, o escritor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2016, e o seu universo literario son os protagonistas de boa parte das fichas didácticas coas que bota andar este proxecto, nas que tamén se introduce o alumnado na historia do Día das Letras Galegas.

Un dos obxectivos de Primavera das Letras é promover que a aprendizaxe arredor do Día das Letras Galegas non se limite aos días previos ao 17 de maio.

Para saber máis:  academia.gal

Galeguízate, a iniciativa do alumnado de 2ºBacharelato do IES Felix Muriel non para de medrar

Baixo o lema GALEGUÍZATE! Limpando o galego de interferencias lingüísticas, por amor á lingua! Adeus ós castelanismos! os alumnos e alumnas de Rianxo non deixan de crear novas entradas no seu blogue, a pesar das datas nas que nos atopamos, que para eles e elas son as máis duras da súa vida académica no centro, pois dan comezo á recta final que os levará de cabeza ás Probas de Acceso á Universidade.

O seu labor céntrase en escoller palabras comúns que habitualmente usamos coa forma castelanizada e indicarnos cal é a forma correcta en galego. É a súa maneira de respectar e amar a nosa lingua.

Se queres saber máis, preme AQUÍ