Acabamos a Semana Castelao aspirando a que Galiza sexa, simplemente, un paraíso.

Advertisements

Ano das artes para Castelao no IES Félix Muriel (por Isaac Iglesias)

Un ano máis o IES Félix Muriel réndelle homenaxe a Castelao no aniversario da súa morte. A Academia das Artes escolleu ao polifacético autor rianxeiro para divulgar e promover a súa obra gráfica e pictórica.
O alumnado do Félix Muriel, coordinado polo profesorado do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, desenvolveu ao longo das dúas últimas semanas diferentes tarefas arredor do seu ilustre veciño.
En 1º de Bacharelato decoraron baldosas do centro educativo con algúns dos gravados máis importantes do artista, ademais de colaborar a montaxe dunha exposición arredor dos Álbums de guerra e do Álbum Nós. Este labor resultou do agrado dalgúns dos membros da Academia das Artes que decidiron visitarnos para dar conta dos resultados persoalmente.
O alumnado de 2º de Bacharelato reproduciu o escudo deseñado por Castelao, así como os seus simbólicos sombreiro, lentes e cigarro, para penduralos na entrada do centro en dous cadros . Ademais elaboraron un mural coa mesma simboloxía.
Tamén participaron nestas actividades os máis pequenos da ESO, levando os relatos de Retrincos á linguaxe do cómic.
Ao longo desta semana, o alumnado encargado de divulgar música en galego durante os tempos de lecer, encargarase de emitir pezas musicais relacionadas con Castelao.
Para filanizar a Semana Castelao, o venres 29 de Xaneiro,desenvolveuse a actividade Pensamentos, na que se unían os pensamentos en flor cos pensamentos de Castelao. Cada un dos membros da comunidade educativa escollía o pensamento de Castelao que máis lle agradaba ou co que mellor se identificaba, con el levaba unha planta para facela florecer na súa casa. A actividade, que procuraba dar a coñecer as reflexións do noso rianxeiro máis universal, resultou todo un éxito de participación, pois non houbo flores suficientes para tantos pensamentos como foron solicitados.

Aínda que a semana acabou, as actividades arredor de Castelao daranse por rematadas o vindeiro luns, cando recibiremos a visita no centro do presidente da Academia das Artes, M. Martelo Quintana, mentres o ENDLG volverá a repartir pensamentos, flores con reflexións tiradas do Sempre en Galiza de Castelao. E proxectarase este vídeo…