Mulleres

Desde fins do séc. IX, distintas mulleres procedentes de diferentes territorios e estratos sociais ( Isabel, princesa de Aragón e raíña de Portugal; nobres francesas: a nobre Bríxida de Suecia; a cruzada galega María Balteira; a peregrina galega a Xerusalén Guncina González…) convertéronse en peregrinas, afastándose das súas comunidades de orixe en dirección aos santuarios cristiáns máis importantes: Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

Esas mulleres rachan cos estereotipos da muller da Idade Media, pois fronte á imaxe da esposa submisa, ligada ao fogar, a presenza de mulleres aventureiras, que se botaron aos camiños e mesmo que desde Galicia chegaron a participar nas Cruzadas, sitúanos diante dunha visión da sociedade medieval ben distinta á que sempre se nos transmitiu.

Os trobadores galego-portugueses deron conta destas peregrinaxes nas súas cantigas, nacidas da reelaboración da “canción de muller”, que fusionaron cun motivo real e concreto, a peregrinación, creando unha nova peregrina, unha romeira, única na lírica medieval europea.
 Pero esta visión dunha muller libre, independente, aventureira… romeira, contrasta poderosamente co estereotipo, forxado na sociedade medieval e que chega aos nosos días, das mulleres como seres fisicamente fráxiles, moralmente débiles e intelectualmente incapaces, cuxo estatus social debe estar subordinado ao dos homes. Desde entón, moi especialmente a partir das cantigas de Alfonso X,  xurdiron dous modelos antagónicos de muller: Eva (parella de Adán) e Ave (Virxe María).
FONTE:
Advertisements