É o galego unha lingua minoritaria?

Ao longo de toda a semana pasada unha nova espallouse veloz polos medios virtuais: o galego deixaba de ser a lingua habitual da maioría da poboación, segundo os datos que o IGE acababa de publicar ou, mellor dito, segundo as interpretacións que os medios fixeron deses datos.
Dos numerosos artigos, comentarios, opinións e “estados” publicados na rede, poderíamos deducir que o galego pasou a ser, por primeira vez na súa historia, unha lingua minoritaria no seu territorio. Ou, feita a lectura doutra maneira, poderíamos concluír que, das dúas linguas que hoxe existen no territorio galego, o galego xa non é a maioritaria, polo que o español pasa a ser a lingua maioritaria na Galiza. Se ademais coincidimos en que a convivencia entre esas dúas linguas, lonxe de ser pacífica, é propia dun conflito lingüístico; entón a sentenza final parece doada: o galego perdeu a batalla!
Isto é o que levamos lendo toda a semana. Na loita pola normalización lingüística, o galego e polo tanto os galegofalantes perdemos a batalla. Con todas as lecturas que poidan derivarse dela: que @s galegofalantes abandonamos a lingua á súa sorte e non llela transmitimos aos nosos fill@s; que @s galegofalantes non falabamos ben nin a nosa propia lingua; que @s galegofalantes nin sequera chegamos a poñernos de acordo entre nós para escoller a normativa; que @s galegofalantes por fin nos decatamos de que co galego non iamos a ninguna parte; que @s galegofalantes estabamos equivocad@s, que isto nos pasa por querer impoñer a nosa lingua á maioría da xente, que non a quere porque xa teñen outra… En fin, que @s galegofalantes fracasamos!
Mais no revés de toda moeda, do outro lado da cruz, xorde a cara. Na loita pola normalización do galego como lingua propia de Galiza, o español e polo tanto @s castelanfalantes gañaron a batalla. Con todas as lecturas que poidan derivarse dela: que @s castelanfalantes tiñan a razón, que para iso estamos en España; que @s castelanfalantes están mellor preparados para saír fóra, que por algo o español é a segunda lingua máis falada no Planeta; que @s castelanfalantes defenderon sempre a liberdade lingüística e loitaron contra as imposicións… En fin, que @s castelanfalantes gañaron!
Levamos toda a semana lendo e relendo de maneiras e formas distintas o mesmo contido: o galego deixou de ser a lingua habitual da maioría da poboación en Galiza. Pero realmente iso é certo? Realmente é iso o que mostran os datos do IGE? Ou será talvez que, detrás desa lectura, estanse a agochar intereses espúreos que buscan sementar no noso non-consciente popular outra reflexión: os galegofalantes fracasamos e os castelanfalantes gañaron; pero non debemos preocuparnos porque, finalmente, todos somos españois, ou non?
En realidade dos datos do IGE resulta imposible deducir que o galego se convertise nunha lingua minoritaria ou, pola contra, que o español pasase a ser a lingua maioritaria da Galiza. En absoluto. Segundo estes datos, do 57% da poboación que declaraba usar maioritariamente o galego en 2001 pasouse a só un 44% en 2011, o que supón unha caída de 13 puntos en tan só 10 anos. Os datos do IGE insisten no que xa apuntaran unha década atrás: seguimos a perder falantes monolingües en galego, mais tamén descenden os falantes monolingües en castelán; porén aumenta o número de falantes bilingües. A porcentaxe que declara só empregar o galego “ás veces” era do 30% en 2001 e é do 44% en 2011. Estes son os datos “positivos” para a Xunta e “lingüicidas” para as distintas asociacións que pulan pola normalización do galego. Positivos ou lingüicidas son só adxectivos que outorgan dúas visións antagónicas do problema; pero os datos son os datos: o galego, a pesar da perda de 13 puntos porcentuais no número de falantes monolingües en galego, segue a ser a lingua maioritaria de Galiza. Agora ben, esa perda de 13 puntos no número de falantes monolingües debe levarnos a unha reflexión máis profunda.

Os datos publicados polo IGE constatan o triunfo da Política Lingüística exercida en case a totalidade do período democrático vivido neste país. Como sinala o Secretario Xeral de Política Lingüística, son datos que reflicten a realidade galega: que galego e castelán conviven sen ningún problema e que a xente fala un ou outro dependendo do ámbito no que se atope. A contradición na que cae o Secretario é evidente: o bilingüismo social é diglosia, señor secretario!. En consecuencia, non medra o número de falantes bilingües (que falan galego ou castelán indistintamente); senón que medra a diglosia (que a xente fala un ou outro dependendo do ámbito no que se atope), é dicir, usa unha lingua de prestixio para as funcións importantes e usa a lingua propia, pero desprestixiada, para as función baixas, para “andar por casa”. Porque xa se sabe “entre nós, en galego”, pero só entre nós.

E cabería esperar outros datos? Non podería ser doutro xeito, dado o sistema político, legal e educativo no que vivimos. Un sistema que fala da lingua propia de Galiza como lingua “cooficial” para á que só rexe o dereito a ser aprendida e/ou falada, fronte á lingua foránea, considerada lingua “oficial do Estado” para á que rexe o deber de ser aprendida e o dereito a ser usada. Tendo en conta que desde os poderes públicos case sempre se obviou a existencia dun conflito lingüístico (galego e castelán conviven sen ningún problema, segundo afirma o Secretario) ; tendo en conta que case sempre se abordou a normalización lingüística desde a perspectiva dun bilingüismo “harmónico” ou “cordial”; tendo en conta que a única vez que realmente se puxeron os cimentos para o desenvolvemento dun verdadeiro Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega, acabouse por acusar a determinados sectores de “impoñer o galego”; tendo en conta todo isto resulta case un milagre que aínda sigamos a existir falantes monolingües en galego, resulta un verdadeiro triunfo do pobo galego que a lingua galega continúe, despois do Decreto de Plurilingüismo a ser a lingua maioritaria, aínda que minorizada, en Galiza; pois a cidadanía, abandonada polas súas institucións e mesmo amedrentada nas súas reivindicacións lingüísticas polos propios poderes públicos (cuxa única razón de ser hai que lembrar que é a existencia da lingua propia do país), está sendo quen de resistir, de seguir aquí, en pé, ergueita aturando tempestades de sal.

FONTES:
Praza Pública
A Mesa pola Normalización Lingüística
Carlos Neira
El Correo Gallego
La Voz de Galicia (Barbanza)

Advertisements

2 opiniones sobre “É o galego unha lingua minoritaria?

  1. Dos datos publicados non pode deducirse efectivamente que o galego deixara de ser maioritario, mais tampouco o contrario, negar que non o sexa.

    A análise comparada das distintas fontes apréndenos que estes galegofalantes ‘sempre’ non equivalen a ‘monolingues en galego’ e inclúen pola contra moitos bilingües de uso maioritario do galego. Paralelamente a categoría de resposta ‘ás veces’ non equivale a un bilingüismo ao 50% senón a un uso maioritario do castelán e a un uso ocasional e anecdótico de galego.
    Quero dicircon isto que si, que o galego é minoritario e minorizado na nosa poboación, sen necesidade de debullarmos outros datos relativos aos ámbitos e funcións de uso. É isto alarmismo? Non, é unha descriciónda realidade. E se serve para alarmar a alguén benvida sexa a mensaxe. E ogallá esperte debates alén dos círculos tan habituais como infrutuosos.

    Gústame

  2. Concordo, Calidonia Hibernia, en todo agás no feito de que o galego sexa minoritario; se ben, camiña cara aí. Creo que hai interese entre todos en matalo antes de que el soíño morra. De todos os xeitos, a miña conclusión é clara: con esta política lingüística poderíamos agardar outros resultados? É un verdadeiro milagre que siga habendo algún adolescente monolingüe en galego!
    Lamento ter que pechar o fío dos comentarios, pero estou até o pescozo de spam. Quen queira enviar comentarios que o faga a este enderezo: alinguademarlou@gmail.com

    Gústame

Deixa unha resposta a admin Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.