A segunda lingua de Yolanda Castaño

Yolanda Castaño gañou a undécima edición do premio de poesía Fundación Novacaixagalicia por A segunda lingua, o seu sexto poemario. Segundo González Tosar trátase dunha poesía fresca, nova e anovadora. O premio, creado en 2002 co obxectivo de dinamizar e divulgar a poesía en galego, ten unha dotación de 6.000€, ademais da publicación do libro.
Hai que salientar que, noutras edicións anteriores, gañaron este premio María do Cebreiro, Marilar Aleixandre e Emma Pedreira. Parece que a voz das mulleres faise oír con forza na poesía galega contemporánea.
Yolanda atopábase en Coimbra, onde participa na Bienal España – Portugal con editores e poetas dos dous países, cando lle foi notificado o premio. Facía seis anos desde a publicación do seu último libro. A segunda lingua posúe un estilo diferente ao da súa produción anterior; pois nel fai unha reflexión arredor da lingua, ademais de dar cabida ao tema da tradución, aos préstamos lingüísticos ou á lingua como vehículo de comunicación. A poeta asegura sentirse preocupada pola situación do galego, pero di non perder a esperanza de que as cousas muden. A propia autora, falando do contido do libro, afirmou que podía resumilo nunha anécdota moi elocuente: “ Se quere ser atendido en castelán, prema 1; se quere ser atendido en galego, prema 2”.

Jennifer Lorenzo (1ºBAC-A)

Advertisements