“O Apóstolo” entra na selección para candidatas ao Óscar

O Apóstolo de Fernando Cortizo é un dos dezanove filmes que a Academia de Hollywood valora para finalistas ao Óscar de animación. Canda ela, grandes éxitos e cintas de altísimos orzamentos como Avións, Os Pitufos 2, Turbo, Gru, Mostros Universiy ou Rio. 

Apóstolo2

As grandes compañías de animación dominan a carreira a un dos Óscar máis codiciados no mercado americano mais na listaxe final conseguiu colarse “O Apóstolo” de Fernando Cortizo, o primeiro filme europeo en utilizar a técnica de “stop-motion”. A competencia é dura e canda a proposta de O Apóstolo aparecen algunhas das películas que máis recadación acadaron nos últimos tempos como Turbo, Avións ou Os Pitufos 2. O 16 de xaneiro coñeceranse as finalistas á categoría.

O Apóstolo foi a grande trunfadora nos Premios Mestre Mateo con seis premios, entre eles, o de mellor filme. Foi tamén finalista nos Goya. A película de Cortizo obtivo tamén o primeiro premio no 11º Festival de Cinehorizontes de Marsella, entrou na sección oficial do Festival Internacional de cine de Moscú e recibiu o Primeiro Premio no Festival EXPOTOONs de Bos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Tamén foi recoñecido polo xurado do público do prestixioso Festival de Cine de Annecy.

Carlos Blanco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Jose Manuel Olveira ‘Pico’, Geraldine Chaplin, Jorge Sanz e Paul Naschy poñen as voces da película dirixida polo compostelán Fernando Cortizo e son en boa parte modelos dos personaxes de animación do filme.

FONTE: SERMOS GALIZA

Advertisements

Eurozone, a última obra de teatro de Chévere, arrasa en Madrid, mesmo en galego e con subtítulos…

CHÉVERE EN MADRID: A CRÓNICA

A infantería dos Chévere chegou a Madrid en tren e con dúas horas de retraso como se a terra seguise tirando de nós para atrás. Entramos en Madrid soterradamente e chegamos a Lavapies. O noso barrio durante o mes de novembro. Paramos na Sala Francisco Nieva do Teatro Valle Inclán , alí fronte ao Portomarín, onde se van tomar as cañas despois da función. Podes atoparnos alí, no teatro queremos dicir, de martes a sábado ás 19,00h. e os domingos as 18,00h. Pregunta por Eurozone , calquera que vexas puido escoitar comentarios ou ler algunha noticia, porque saiu moito nos medios e o boca a boca empezou a funcionar . Polo menos a primeira semana acabou coa sala chea na función do domingo . Non é que sexa un sitio moi grande, pero polo que nos din os que traballan no teatro, aquí en Madrid é a ostia!

Esta semana hai organizado para o xoves 7 un encontro co público. E a finde do 9 e 10 faremos dúas funcións en galego con sobretítulos en castelán. Vai ser das primeiras veces que se poida ver unha obra en lingua galega en Madrid deste xeito. Ten a súa gracia. Para que a cousa saia ben, o luns pasado estivemos na Casa de Galicia (que curioso que os cursos de galego teñan que darse no soto do edificio, debe ser para que non se saiba que alí se fala galego). Estivemos con Carme, unha profe de galego do Espazo das Linguas Ibéricas, que nos axudou moitísimo a organizar un obradoiro para espectadores sobre Eurozone coa xente que estuda galego en Madrid. Son unha chea deles, non vaiades crer.

O domingo vai vir ao teatro un grupo de máis de cincuenta persoas. Van flipar os dos restaurantes indús. Galicia toma Lavapies! Por certo, o domingo pola mañá imos andar polo barrio de Prosperidad (aquí din Prospe). Chámaronnos da Asamblea do 15M do barrio para facer con eles outro obradoiro do espectador sobre Eurozone, tamén colabora a AAVV e a Escuela Popular de Prosperidad . Aquí a xente ándache moi cabreada. O luns non temos función, pero o CDN organiza unha mesa redonda relacionada coa nosa obra dentro dun ciclo que se chama Los Lunes con Voz. Veñen varios xornalistas e economistas para falar da Eurozona e das alternativas de futuro que pode haber. Unha das que virá din que é a moza de Rato, iso pode estar ben. Haberá que ir.

Bueno, seguiremos por Madrid ata o 24 de novembro, pero logo xa estamos de volta. O martes 26 presentamos en Pontevedra “I’ll be watching you ”, xa sabedes, o show este de Patricia en plan cantante de pachanga que denuncia a violencia machista. Agora ademais de ver a obra, os rapaces poden participar nun obradoiro posterior que facemos con Promove, unha consultora que usa moito o teatro nos seus proxectos e coa que colaboramos.

E en novembro Eurozone segue a súa xira por Galicia, o sábado 30 no Auditorio García Márquez de Mera (Oleiros ). Quen queira, tamén pode participar no obradoiro para espectadores que faremos uns días antes, o mércores 27 nas Torres de Santa Cruz . O ano pasado estivo cheo.

FONTE: Correo que o grupo Chévere enviou aos seus seguidores