Estaba cantado… LETRAS GALEGAS – 2014 PARA DÍAZ CASTRO

Acaba o curso en que as Letras Galegas foron para RobertoVidal Bolaño.  Todas as nosas tarefas estiveron adicadas a el. Despedimos a Bolaño desde Vista Alegre escoitando a Ataque Escampe

E cambiamos de xénero…

Un ano máis a RAG elexiu ao autor (non autora!) para homenaxear nas Letras Galegas de 2014. O “gañador” estaba cantado. Días antes, o presidente da RAG non deixaba caer da boca o topónimo Guitiriz, terra natal do escollido, Xose María Díaz Castro, autor dun único poemario publicado en 1961, Nimbos.

Un ano máis negáronlle a homenaxe ao primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas que houbo neste país.

Un ano máis negáronlle o recoñecemento a un dos fundadores do Partido Galeguista, a un dos redactores do Anteproxecto do Estatuto de Galiza.

Un ano máis impediuse o recoñecemento a un miliciano que loitou no bando republicano contra o golpe de estado franquista; a un miliciano apresado, sometido a un consello de guerra e condenado a doce anos de cárcere por separatista.

Un ano máis desprézase ao primeiro grande estudoso da nosa Literatura (Historia da Literatura  Galega Contemporánea, 1963) e da nosa Lingua (Gramática elemental del gallego común, 1966).

Un ano máis silénciase a voz do autor da primeira novela publicada na posguerra, A xente da barreira (1950), mais tamén a voz dun dos autores máis prolíficos en todos os eidos (poesía, narrativa, teatro, ensaio…).

Un ano máis apártase dos altavoces públicos ao primeiro docente da Universidade de Compostela monolingüe en galego, nunha época na que os seus coetáneos se prodigaban exclusivamente en español, os mesmos que o condenaran entón como agora ao ostracismo. 

Un ano máis, e van trece, as Letras Galegas non honrarán a enorme figura do pai do reintegracionismo, precisamente por iso, por afondar nas Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa.

Embora el tivera sido quen nos ensinou os Nimbos e as Penélopes de Díaz Castro, un ano máis fanáronlle o 17 de maio ao profesor Ricardo Carvalho Calero.

Que sexa polo ben da poesía galega!

 

 

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva;
pro tí envólveste en sabas de mil anos
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron: Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús-María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono
o tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Xosé María Díaz Castro, Nimbos – Penélope

Advertisements