Salvemos Galicia, en castellano!

Seguindo a petición dun alumno e despois de ter recibido infinitas mensaxes con este vídeo, decido colgalo no blogue porque vexo que para vós é moi importante.
A min dóeme enormemente o que queren facer co meu país, o que queren facer do territorio ao que pertenzo, o que queren facer coa paisaxe coa que me identifico. De feito, levo máis dun ano loitando contra todo iso do que agora me estades a falar e queredes que axude a denunciar. Hai case un ano estiven nunha manifestación que denunciaba todo isto. Eramos “catropelagatos”!. As nosas denuncias non saíron nos medios de comunicación de masas, moito menos na tvg, na Radio Galega ou en La Voz de Galicia.
Agora está en todas partes! Que provocou o cambio? Como se logrou o milagre? Un puñado de famosos, unha páxina ben sostida por medios poderosos e un idioma importante: o castelán!
E, agora, alguén pensará que “de que me queixo? se o importante é loitar por Galicia, salvala, que non nola destrúan… Que importa en que lingua estea? Cada quen é libre de escoller en que lingua se expresa!”
Iso é o que estaredes a pensar a maioría mentres ledes isto.
Como explicarvos que “o touciño si ten que ver coa velocidade”? Como explicarvos que É IMPOSIBLE SALVAR GALICIA SE NON SE SALVA A SÚA LINGUA? Como podo explicarvos que nese vídeo reclámase a salvación dun anaco do Noroeste de España, que recibe o nome de Galica, pero non se reclama a salvación de Galiza?
E a min paréceme ben! Que se reclame a salvación dese anaco do noroeste español, ou de calquera outro curruncho de España ou do Mundo! Claro que si! Pero que ninguén me diga SALVEMOS GALICIA! Porque se fose así teríanmo que dicir en galego!
E non me importaría, se os que mo dixesen fosen españois (casteláns, quero dicir, perdón!, se non fosen galegos, quero dicir…), pero tod@s eles son galeg@s! Por iso, a pesar do moito que me doe a destrución do meu territorio, aínda me doe moito máis que os que se lamentan disto non se decaten de que eles (por omisión) están a cometer unha destrución aínda maior: están a substituír a lingua galega pola castelá do mesmo xeito que as multinacionais substituirán a nosa paisaxe por outra “industrial”.
Teño a sensación de que o proxecto que estamos a desenvolver no Equipo de Normalización (RIANXO FALA) non serve de nada, non está a ser entendido por ningún de vós. De que trata ese proxecto? De lembrarnos que “se somos galeg@s é por obra e arte do galego, non da catedral de Santiago!”. Cal é a finalidade dese proxecto? Pretende que sexamos conscientes de que nos resultaría doado escandalizarnos se nos roubasen o hórreo de Araño, ou os eucaliptos de Taragoña ou mesmo nos escandalizaríamos se na praia de Tanxil construísen apartamentos… Pero ninguén parece ser consciente de que cada día estannos a roubar as nosas palabras, de que temos ladróns de palabras entre nós que nos están a levar mesmo aquelas coas que os castrexos nomeaban a nosa realidade mesmo antes da chegada dos romanos. Ninguén parece decatarse de que cada vez que dicimos fresa, en lugar de morango, estamos a substituír o monte Galiñeiro por unha mina a ceo aberto; que cada vez que dicimos silla, en troques de cadeira, estamos a substituír a praia de Tanxil por un Aparthotel… Que cada vez que berramos SALVEMOS GALICIA! con argumentacións en español estamos a substituír o maior ben inmaterial que temos, o pai de todos os nosos patrimonios: o galego, a nosa lingua, por outra, que si está aquí, entre nós; que si, as dúas son cooficiais; pero só unha é a propia de Galicia-Galiza, como os carballos, como os amorodos, como as carqueixas e o Galiñeiro, como Tanxil, o hórreo de Araño, a catedral de Santiago ou como Corcoesto. Pola contra, os eucaliptos son especies alóctonas, como os tenedores, as sarténs e os pasillos…
A miña humilde capacidade de comprensión non dá para entender que alguén se indigne pola perda do territorio, da paisaxe, do país e non o faga pola perda da súa lingua; senón que mesmo colabore, por omisión, a agrandar a súa ausencia dos medios.
Snif, snif! Pobre impaís!

PD: Por se non quedase clara a miña posición ao respecto do Proxecto de Megamineiría en Galiza, suscribo cada unha das palabras do artigo de ALBERTO FRANCO (alumno de 2ºBach) no seu artigo Que non arrasen con Galicia!

52 opiniones sobre “Salvemos Galicia, en castellano!

  1. O idioma do video, en parte, é indiferente, vale que debería estar en galego, pero ó estar en castelán ten unha difusión maior por toda España e polo tanto máis apoio. O “proxecto”, se se lle pode chamar así e non catástrofe, é un ataque total contra o medio, esta é unha mostra doutra situación máis na que os cartos están por riba da natureza, pero hai que resaltar que nin os cartos serían para Galicia, senon que se irían para o estranxeiro.
    Polo tanto, debemos permitir este ataque? Creo que non, unha das mellores cousas que hai en Galiza é a natureza, e non podemos perdela.

    Gústame

Comentarios pechados.