O uso do galego nos medios está penalizado polo mercado

Unidos para ser máis fortes, para reivindicar fronte ás administracións un trato xusto e equilibrado para os medios en galego e para resistir neste momento de crise do xornalismo e dos medios. Nace a Asociación de Medios en Galego, na que polo de agora se agrupan dez cabeceiras: Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info. A diferenza da Asociación de Medios Escritos en Galego, que se formou en 2004 e que se limitaba a medios impresos e dixitais, nesta nova entidade poden participar medios de todos os soportes. Tampouco hai limitación pola norma do galego que se escolla usar.

Nesta nova entidade poden participar medios de todos os soportes. Tampouco hai limitación pola norma do galego que se escolla usar

Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, é tamén o primeiro presidente da AMG. Sanfiz sitúa a interlocución coas administracións como a primeira prioridade da nova entidade e afirma que debe “cesar a actual discriminación”. Tamén valora positivamente a experiencia de Vitaminas para o Galego, unha iniciativa impulsada o pasado ano que desenvolveu varios eventos xornalísticos e culturais en defensa do noso idioma. Sanfiz parte da premisa de que “os medios en galego son necesarios” e de que hai unha gran masa de lectores que reclama a súa existencia.

FONTE: PRAZA PÚBLICA

Advertisements