Pelos na lingua

Miradas. Murmurios. Silencio. Fóra luces. Comeza a obra. E con ela, as primeiras gargalladas, algunhas, afogadas, reprimidas, outras, ben sonoras. Mexar á risa. Partirse as cachas. Escarallarse…
Saín seria do teatro. Aínda cos ollos brillantes polas bágoas precedidas de fortes risotadas, mais seria. Aínda co rebunbio dous aplausos e os asubíos nas tempas, mais seria.  Aínda cun sorriso na cara, mais seria. Porque un tema tan serio só se pode afrontar co humor. Tamén co laio, con tristeza, con amargura, mais iso semella quedar   vencellado unicamente á poesía. A lírica, tan sentimental, tan afastada da realidade. O teatro, a vida mesma.  Chistes, restranca, sarcasmo… Por que? Non somos capaces, non queremos, non nos gusta afrontar a situación da nosa lingua. Demasiada rabia, carraxe, cólera, furor, ira… Impotencia. Mellor mexar á risa, partirse as cachas, escarallarse. Lingua minorizada, lingua non normalizada? Lingua asoballada! Maltratada! Humillada! Tiramos de eufemismos, maquillaxe por riba das mazaduras da fala nai! Sentímonos bruscos se acusamos ao castelán, a España, aos políticos. Se acusamos aos señoritos de “La Coru”, de “Sanjenjo”, de “Rianjo”. E nós mexamos coa risa, partímonos as cachas, escarallámonos…

(Irene Blanco, 1ºBach-C)



 

PARA SABER MÁIS: AULAS DE LINGUA E LITERATURA

Advertisements

16 opiniones sobre “Pelos na lingua

  1. O pasado 7 de febreiro asistimos á representación teatral da obra Pelos na lingua. Dividíase en pequenas historias e estaban representadas por tres actores que realizaban o seu traballo con gran esmero.
    Todas as historias tiñan en común a crítica que facían cara a situación do galego. Trataban o tema de xeito cómico e aplicándoo a situacións da vida cotiá polo que a obra non se fixo nada pesada senón moi dinámica. Moitas destas historias estaban sacadas do libro Made in Galiza de Sechu Sende, que tamén pretende mostrar a anormalidade da lingua galega e os prexuízos que hai cara a ella. A intención é que o público se decate de que estamos continuamente rodeados de inxustizas e comportamentos inadecuados cara á nosa lingua e que aparte diso son os propios galegos quen se encargan de poñerlle continuas barreiras.
    A esta obra a única pega que se lle pode poñer é que se fixo curta, xa que, cando estábamos máis a gusto, cun bo ambiente, fíxose costoso levantarse das butacas e saír cara ás frías rúas santiaguesas.
    Para concluír só se pode admirar o labor que fixeron coa obra Pelos na lingua. Sen dúbida é unha mágoa que se deixe de representar, porque axuda a reflexionar sobre temas actuais que acontecen e que seguirán acontecendo como non se lles paren os pés aos que pretenden perpetuar actitudes contrarias á normalización lingüística.
    E, agora que xa vimos a obra, só se pode dicir que “nin en soños perderei a miña lingua”.

    Gústame

  2. A obra Pelos na Lingua, é una comedIa sobre os prexuízos lingüísticos cara a lingua galega. Considérase como a segunda parte de Bicos con lingua, xa que esta presenta a mesma temática. Está representada pola compañía Talía Teatro, na que os actores Arthur Trillo, Toño Casais e María Ordoñez lle dan voz e corpo aos personaxes. Algunhas partes da obra están baseadas en relatos de Sechu Sende extraídos do seu libro Made in Galiza.
    Pelos na Lingua representa un tema que resulta negativo para o noso idioma, pero a interpretación dos actores e o guión conseguen darlle a volta á tortilla, trasformando este tema en entretido e divertido para os espectadores.
    Outro elemento que favorece que o público se enganche á trama é o tema tratado , xa que é coñecido por todos. A sensación xeral entre os espectadores era que todos coñeciamos algunha das situacións presentadas na obra, ben por telas vivido ou por coñecer a alguén que a vivise. Esta visión cómica dun dos principais problemas aos que se enfronta a nosa lingua axuda, na miña opinión, ao desfrute do público.
    Pelos na Lingua resulta una obra interesante e divertida para o público, altamente recomendable para todos aqueles que queiran pasar un bo momento.

    Gústame

  3. Para min pelos na lingua é unha obra desas que rematan rápido e che deixan coas ganas de seguir un pouco mais…
    A pesar de que a temática da obra xa se coñece antes de que esta comece, a súa boa distribución e a boa representación dos tres actores que interpretan as diversas escenas, (Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez), dirixidos por Avelino González, fan unha obra amena e agradable, na que nalgúns momentos resulta imposible aguantar a risa.
    Isto sucede grazas á profesionalidade coa que os actores se introducen nos diferentes papeis e a utilización dalgún que outro “gag” bastante ben preparado.
    Non é unha obra longa pero aparece inzada de múltiples asuntos, pois só é representada por tres actores, que dispoñen de tempo limitado para faceren os cambios de roupa ou do decorado no escenario, aspecto moi chamativo, porque sempre se utiliza o mesmo decorado, variando só a posición para contextualizalo de acordo coa escena que se pretende representar.
    Paréceme unha obra para recomendar e digna de volver a ver.

    Gústame

  4. É unha obra teatral baseada nos prexuízos contra o galego, representada pola compañía Talía Teatro. Presenta varias situacións con galego-falantes, castelán-falantes, xente que quere falar galego e non se atreve, xente que ten prexuízos contra o galego, xente que o apoia…
    Talía teatro está formado por Artur Trillo, Toño Casais e María Ordónez baixo a dirección de Avelino González, estes son tamén os escritores xunto cuns relatos de Made in Galiza de Séchu Sende.
    Esta representación trata dos prexuízos contra o galego, en tono de comedia e en varias situacións, por exemplo o home que eliminou o galego da súa fala e descubriu que influíu sobre a súa maneira de falar inglés.
    A obra resulta divertida e entretida, xa que provoca a cada pouco tempo as gargalladas do público. Isto vén motivado polo guión e pola interpretación dos autores que fan que cada situación resulte cómica.
    O tema da representación é un tema actual co que todos convivimos no día a día, polo tanto axuda a que o público se introduza na obra dende o primeiro momento. Ademais a perspectiva cómica que presenta fai que sexa unha obra fácil de seguir e entretida ó mesmo tempo.
    Tamén considero que esta perspectiva pode axudar a que a xente se dea conta de que son prexuízos carentes de sentido.
    Paréceme unha obra recomendable, xa que ó usar as situación cómicas para representar os prexuízos contra o galego resulta moi divertida e entretida, á vez que trata un tema que a todos nos debería interesar como galego-falantes.

    Gústame

  5. O día 7 de febreiro algúns dos alumn@s de 4º ESO e 1º de Bachillerato, reunidos con outros centros, asistiron a unha saída didáctica ao Salón Teatro, en Santiago de Compostela ( o único espazo de exhibición escénica de titulariedade exclusiva da Xunta de Galiza), para ollar a obra chamada “Pelos na lingua”. Unha comedia para os rapaces de máis de 13 anos, chea de humor e ironía que traballa o tema dos prexuízos lingüísticos. No teatro representáronse unha serie de escenas, as cales (algunhas con modificacións, outras tal cal) foran tiradas do libro, que previamente leran os asistentes, “Made in Galiza”, do autor Sechu Sende. Un libro de relatos relacionados coa lingua galega. Algúns dos relatos que entraron na obra foron entre outros “ O ladrón de palabras” e “ Nin en soños vou a perder a miña lingua”.

    A obra de teatro foi interpretada por Artur Trillo, Toño Casais e María Ordoñez dirixidos por Avelino Gonzalez, que fixeron todo o posíbel para que cada un dos espectadores que alí estivesen chegaran á mensaxe que eles querían transmitir.
    A compañía Talía foi creada en 1988, co seu propio estilo orixinal. Todos os seus espectáculos foron e son creados para nen@s e moz@os porque eles consideran que a creación dos novos públicos é unha das materias que aínda están pendentes do teatro feito en Galiza. Esta compañía declarou na presentación da obra que: ía destinada a todo o mundo: aos galego-falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero no se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o flan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non o galego, os que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo, aos que pensan que debería ser o inglés o idioma que falase todo o mundo, aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán, aos que pensan que a maioría dos galegos falan o galego, a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros, a todos e a todas.
    Eu son estudante do IES Félix Muriel e, por suposto, unha das moitos alumn@s que asistiron ao teatro, opino que é unha obra moi ben feita. Disfrutei tanto a obra que cheguei á conclusión de que foi a mellor que eu vin, aínda que vira poucas.
    Recoméndollela a todo o mundo, especialmente aos castelán-falantes de Galiza.

    Gústame

  6. A obra de teatro “Pelos na Lingua”, pertencente á compañía Talía Teatro, ten como tema os prexuízos que existen arredor da lingua galega, pero dende un punto de vista humorístico.
    Interpretada poa Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez e baixo a dirección de Avelino González, a obra divídese en pequenas escenas. Todas elas tratan os prexuízos lingüísticos dende diferentes perspectivas e puntos de vista.
    No referente ao dramatismo os actores non saíron da súa personaxe en ningún momento, nin tiveron ningún tipo de falta de coordinación durante as escenas. En xeral “Pelos na Lingua” é unha obra sinxela pero dunha complexidade asombrosa debido aos longos diálogos e ao continuo cambio de personaxes.
    Na miña opinión “Pelos na Lingua” cumpre realmente a súa función: divertir ao público; pero, ao mesmo tempo, cumpre unha finalidade didáctica: transmitirlle a mensaxe ao espectador de que debemos ser quen de enfrontar os prexuízos sobre a lingua.
    En conclusión, é unha obra excelente en todos os aspectos e que realmente paga a pena ver.

    Gústame

  7. Tan digno como calquera…
    Na miña opinión xa que son unha pequena fan do teatro a obra foi excelente, sinceramente creo que foi a obra de teatro que máis me gustou de todas as que vin.
    Esa maneira de crítica social, con ese toque tan humorístico, facían unha combinación moi, moi boa. Dende o principio empezou forte, con ese “striptis” da moza, no cal defendía que as galegas non só somos “o tópico”, unha muller vestida de gaiteira, senón que podemos ser sexys, cultas e refinadas. É unha maneira de enganchar os espectadores dende o minuto un. A obra continuou con distintas historias, cada unha tiña o seu, cada unha facíache rir e ó mesmo tempo reflexionar sobre como é a sociedade de hoxe en día co galego, cada unha desas historias abría un pouco de cargo de conciencia en cada un de nós.
    En resumo que se de verdade te sentes galego, se de verdade tes un mínimo de conciencia co que está a pasar hoxe en día, é unha obra que che atrapa da cal non podes apartar os ollos. Eu persoalmente recomendaríaa unha e mil veces. Pero tamén lla recomendaría a eses galegos que só falan o castelán por sentírense máis que os seus conxéneres. Quizá desa maneira ese día aprenderían algo, tal vez se lles removería algo dentro da súa conciencia xa que o galego non deixa de ser o seu idioma, tan digno como calquera.

    Gústame

  8. Pelos na lingua é una obra de teatro galega que pertence a diferentes autores e autoras galegas como Avelino González, Séchu Sende ou Artur Trillo. Con esta obra os autores presentan o tema dos prexuízos lingüísticos. Pelos na lingua vai destinada a todos os públicos, profesores/as, alumnos/as, políticos/as, á xente con distintas ideoloxías sobre a lingua, porque non é una obra para os galegos/as, non, é unha obra para todo aquel que queira vela e disfrutar cun toque de comedia o que está a pasar coa lingua.
    Nesta obra de teatro adáptanse relatos do libro Made in Galiza , do escritor Séchu Sende, quen nos achega unha forma moito máis fácil e comprensible de ver a situación do galego hoxe en día, que non resulta realmente boa.
    Para concluír, quería engadir a miña opinión persoal, pois a min esta obra gustoume moito, xa que grazas a ela, como dixen antes, comprendo mellor a situación na que estamos e temos que tomar conciencia do que está a pasar para poder remedialo, porque aínda estamos a tempo de facelo. Porsuposto, animo á xente a ler o libro Made in Galiza, un libro que conta moitas verdades sobre a nosa fala.

    Gústame

  9. O pasado día 7 de Febreiro, desprazamonos ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, para asistir á representación teatral da obra “Pelos na lingua” a cargo da compañía Talía Teatro
    Dita obra é unha comedia, considerada a segunda parte de “Bicos na lingua”, pero pódese ver como unha obra independentemente. Esta obra trata sobre os prexuízos lingüísticos e nela cóntanse diferentes historias. Entre elas está a dun pai que vai ver ao fillo a un partido de futbol e o entrenador fálalle galego e este tradúcello todo ao castelán. Ou a dunha nena que vai no autobús e escoita a unha muller dicir que se está perdendo a lingua e logo, a nena, non paraba de falar. A obra está baseada no conxunto de relatos que Sechu Sende recolleu en “Made in Galiza”.
    A representación teatral correu a cargo de tres autores e os obxectos de atrezzo empregados cambian de función dependendo da historia que se estea contando.
    A representación dura aproximadamente unha hora. Comenza coa protagonista, simbolizando a lingua galega, vestida co traxe tradicional, espíndose; para transformarse no escenario nunha muller tremendamente moderna e atractiva.
    Eu creo que na obra, aínda que se recrea a realidade dunha forma exaxerada, cóntase o que realmente pasa. Pois en Galiza empregamos o galego dependedo da situación na que nos atopemos, pois moitos son os galegos que pensan que usar a nosa lingua en situación formais, non é signo de prestixio e por iso empregan o castelán.
    Engadir como dato importante que Talía Teatro, a compañía que representou a obra, tras 24 anos desenvolvendo o seu oficio, deixará de subirse aos escenarios para representar as súas obras, pois por mor da crise non teñen o suficiente diñeiro para subencionalas.

    Gústame

  10. A obra “Pelos na lingua”, que fomos ver tanto o alumnado de 4ºESO como o de 1º Bacharelato, xunto con outros centros, ao Salón Teatro de Santiago, baséase na exposición dos prexuízos que na nosa sociedade existen en torno á nosa lingua, mais foron presentados de forma sarcástica. Trataban feitos que vivimos no noso día a día, os cales, ó seren ridiculizados na obra, permitían decatármonos das grandes tonterías que comete a maioría da xente respecto a este tema.
    “Pelos na lingua” é unha obra recomendable para calquera galego que non sinta desprezo pola súa lingua, pero tamén para a xente que non ten nada que ver, dado que é unha gran comedia, a pesar de presentarnos un asunto drmático: os prexuízos que están facendo desaparecer o galego. Isto fainos reflexionar sobre o porqué, sobre o feito de considerar que o galego é inferior, a pesar de ser tan útil, mesmo máis que calquera outra lingua na nosa comunidade. Para concluír, quixera agradecer esta saída porque nos gustou a todos e a todos nos quedou un gran recordo, polas súas parodias, pois a pesar de seren expostas de forma cómica, seguen ocorrendo hoxe en día.

    Gústame

  11. A saída didáctica á obra teatral “Pelos na língua” desenvolveuse en Santiago, no Salón Teatro. A función estaba orientada para denunciar os abusos que a nosa lingua, a lingua galega, recibe por parte, sobretodo, dos galegos. Este fenómeno denomínase diglosia. Consiste, básicamente, no rexeitamento de cara á lingua por feitos que, aos meus ollos, non proceden.
    O tema era o rexeitamento do galego tanto en ámbitos escolares, como rurais, como profesionais… A maioría centrábanse en adolescentes fachendosos de falaren castelán.
    A obra estaba composta por diversas historias, ás que tan só tres actores daban vida. O material que empregaban era simple, tan só contaban cun par de cadeiras e unha mesa; só con estes utensilios foron capaces de representar, magnificamente, diversos papeis.
    Foi un representación moi entretida, porque a parte de que ofreceron un espectáculo admirable, a obra teatral denunciaba ese desprezo cara ó galego. Clasificaríaa como unha obra de carácter didáctico, sen ningunha dúbida.

    Gústame

  12. A obra de teatro Pelos na Lingua pode considerarse a segunda parte de Bicos con Lingua, aínda que isto non sexa así. É unha comedia onde participan Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez como intérpretes e Avelino González como director.
    Esta obra fala dos usos e abusos que sofre a lingua galega. Está adaptada a todos os públicos, tanto ós galego-falantes como ós que non o son, ós que teñen vergoña de selo, ós que teñen medo de falalo mal, ós que lles dá igual, ós que pensan que o inglés debería de ser o idioma principal de todo o mundo e a moita xente máis. En Pelos da Lingua podemos ver escenificados algún textos tirados da obra literaria Made in Galiza de Séchu Sende onde están recollidos para a representación da realidade lingüística, como son neste caso os prexuízos lingüísticos. Un exemplo foi a escena na que o adestrador dá ordes ós seus xogadores en galego e o pai dun deles repite todo en castelán porque o fillo non entendía as do seu mestre futbolístico. Neste caso pasa iso porque os pais na casa non falan o galego, entón o rapaz non o entende a non ser que lle falen na lingua na que sabe. Iso non debería de ser así xa que que cantas máis linguas se saiban mellor. Outra das escenas, que quixera destacar, céntrase nuns rapaces novos asistentes a unha manifestación, protestando pola imposición do galego e reclamando liberdade lingüística; na escena saíu o tema de que o galego non vai a ningures, que con el non se ligaba, que o castelán era máis adecuado; pero ó final un dos mozos e a moza comezan a ligar falando galego. Este fragmento da obra teatral vino como unha lección máis para aqueles que pensan que o galego é só para o ámbito rural, para que viran que esta lingua é tan válida como calquera outra para todo; ademais de falalo cos avós e avoas, tamén vale, entre outras moitas, para ligar ou mesmo para culturizarse.
    Tanto a obra de teatro como a obra literaria de Séchu Sende parecéronme moi produtivas e divertidas, xa que con humor inténtase representar a situación da sociedade galega respecto á lingua propia, que neste caso é a galega.

    Gústame

  13. A saída didáctica para ir ver a obra de teatro ”Pelos na lingua” foi o Xoves día 7 de Febreiro, en Santiago de Compostela.
    Acudimos a ela algúns grupos do Félix Muriel e outros de outro instituto.
    A obra trataba dos prexuizos que ten a xente á hora de falar galego: pais e nais que tratan de non falarllelo ós seus propios fillos, aínda que eles mesmos foran galego-falantes no resto dos ámbitos, xuventude que non o fala pr vergoña ou porque se senten inferiores…cousas que sabemos que pasan na vida real. Por iso, creo eu, que a obra se nos fixo máis interesante, porque sabemos de moita xente que fai iso.
    Na miña opinión a obra estivo moi ben e sentinme moi identificada, xa que teño unha curmá de seis anos e intento que fale o galego a pesar de que a súa nai lle ensinou a falar o castelán porque di que co galego non se chega a ningunha parte hoxe en día. Dáme moita pena por miña curmá, xa que nunca saberá apreciar a súa propia lingua, que, xeración tras xeración, os galegos foron coidando e transmitindo até chegar a nós.

    Gústame

  14. Nesta obra, representada por Talía Teatro, acontecen unha serie de historias a persoas correntes que sofren o conflito entre o castelán e o galego. A través desas escenas, vemos como o galego é rexeitado, totalmente desprestixiado en favor do castelán.
    As escenas son representadas en lugares comúns, habituais, coñecidos… A obra está máis ben dirixida á xente nova, porque pouco a pouco, ao ir medrando, van deixando a súa lingua, uns din que é fea, outros que non lles gusta, e así pouco a pouco desaparece das súas vidas.
    Na obra denúncianse actitudes totalmente incorrectas, pois non se pode discriminar unha lingua por pensar que pode ser fea ou soar mal… A intención da obra é rebelarse contra todo iso, facernos medrar coa nosa lingua.
    Esta é unha obra na que as dúas linguas se intercambian, por exemplo, nunha escena unha filla quere falar galego pero aos pais,que falan castelán, non lles gusta a idea e intentan quitarllo da cabeza, pero non o conseguen e a nena fala galego.
    Na miña opinión a obra estivo xenial, ensinounos a situación da nosa lingua no día a día, como pouco a pouco as persoas van deixando de falala.
    Eu creo que, antes ou despois, esas persoas daránse conta de que é unha lingua como outra calquera,que non é fea e non soa mal.

    Gústame

  15. A obra baseábase na defensa da lingua. Poñía exemplos de mozos, en casos normais, casos que se poden dar a miúdo. Intentaba criticar a realidade sociolingüística mediante escenas cómicas, como a de tomar o galego como unha enfermidade.
    Os actores eran dous rapaces (xa non tan rapaces) e unha rapaza. Nunha das escenas, por exemplo, un pai estaba vendo o partido de fútbol do seu fillo. Os xogadores eran entrenados en galego e un dos rapaces era castelán-falante. O pai, para que o neno entendese as explicacións do entrenador, íalle traducindo palabra por palabra todo ao castelán. O neno castelán-falante era galego, pero non entendía nin pinga da súa lingua. É normal que un neno galego non sexa quen de entender unha das linguas oficias do seu territorio?
    Na miña opinión, esta obra é unha boa forma de ensinarlle aos rapaces que o galego é igual ou, para nós, máis de valioso que calquera outra lingua. Que serve para todo, para ligar, para estudar, para aprender.. porque o galego é unha lingua e punto.

    Gústame

  16. Na obra de Made in Galicia, de Séchu Sende, cóntanse algunhas historias relacionadas coa lingua, que lle acontecen á xente normal. Todos os relatos teñen un asunto en común: a lingua galega é desprestixiada polos propios galegos.
    Estas historias acontecen en lugares totalmente diferentes pero con algo en común, todos son lugares coñecidos e cun ambiente familiar. A obra vai dirixida á xente nova que comeza a deixar o galego de lado porque prefiren falar o castelán xa que pensan que lles vai a abrir máis portas. O galego é unha lingua minorizada, as situacións que se tratan na obra son as que fan que iso sexa así.
    Esta é unha obra que non se representa nun só idioma, represéntase en galego e castelán, como por exemplo a escena da manifestación en defensa do castelán na que os tres protagonistas adolescentes, sen querer, escápanselle algunhas palabras en galego e recoñecen que non o falan porque lles dá vergoña.
    A min a obra de teatro gustoume, porque trataba un tema actual, algo que está pasando na xente nova, que prefiren o castelán antes que o galego. A intención da obra é demostrar que o galego vale para o mesmo que o castelán.

    Gústame

Comentarios pechados.