A (sin)razón de Galicia Bilingüe

Ana Martínez Piñeiro

Veño de ler neste xornal un artigo segundo o cal Galicia Bilingüe denuncia a imposibilidade de vivir en castelán nos colexios galegos.
Escribo esta carta para amosar o meu total apoio a esa teoría. Eu aínda diría máis, vivimos nun país no que é imposible vivir en castelán.
Voulles contar a miña historia. Teño dous fillos aos que sempre falei en castelán. E así falaban eles, ata que comezaron a ir ao colexio público. Con tres anos abandonaron totalmente a súa lingua materna, e agora só falan galego. Só len en galego. Só escriben en galego. Viven nun mundo tan altamente galeguizado que me miran con extrañeza porque falo castelán, e incluso me preguntan por que non son coma todo o mundo, por que non falo en galego. Pero se fosen só as mestras… Os compañeiros e compañeiras, os seus pais e nais, as profesoras das actividades extraescolares… pero tamén as caixeiras do supermercado, os carteis de todos os comercios vaiamos onde vaiamos, a pediatra, o persoal do banco, a fisioterapeuta, todo o mundo que nos rodea fala en galego. Os impresos do Sergas, os recibos dos bancos, as propagandas de fontaneiros, mesmo os xornais, este mesmo, no que, de 76 páxinas, non puiden atopar nin unha soa noticia en castelán!!! Por non falar dos debuxos animados, por máis que busco, só nunha canle botan programas infantís en castelán.
É certo: nesta cidade na que vivo non hai xeito de facer unha vida normal en castelán. As persoas castelán-falantes estamos totalmente discriminadas e temos que chegar a facer xuntanzas especiais nos parques para que os nosos fillos poidan escoitar falar castelán con normalidade. Eu mesma non sei por que estou a escribir en galego. Será que á fin conseguiron adoutrinarme sen eu querelo.
Un saúdo e forza a todas as persoas que, coma min, se senten estranxeiras no seu país por mor de usar a súa lingua.

ARTIGO ATOPADO EN: FARO DE VIGO. ES

 

 

Cando defender o galego é delito…

FONTE: DIOIVO

Advertisements

13 opiniones sobre “A (sin)razón de Galicia Bilingüe

  1. Nesta noticia critícase aos galegofalantes por falar galego, galego!! Iso é un sensentido posto que ti non viaxas a un país e esperas que che falen no teu idioma, falaranche no seu propio idioma, neste caso o galego. Aínda para máis organizouse unha manifestación en contra do galego en Galicia, cando na Constitución española está recollido que o galego é un idioma oficial e por tanto que se fixese esa manifestación non é normal. Cada un é libre de falar o idioma que desexe, pero que critiquen que en Galicia falen o galego (idioma propio) é unha soberana estupidez. E aínda por riba, un grupo de persoas que estaban defendendo o galego foron detidos por escándalo público e agresión á policía, por defender o seu idioma!! O idioma que herdaron, o que falan dende que naceron, e agora están pendentes de xuízo por iso. Eu só podo dicir, despois de ler isto, que o mundo está cheo de sensentidos.

    Gústame

  2. Galicia é unha comunidade bilingüe, cunha lingua oficial da comunidade que sería o galego, e outra que pertencería ao Estado, neste caso o castelán. Na noticia que escribiu esta señora, que posiblemente lle tiveron que axudar a escribila, critica que na nosa terra usemos o idioma oficial e non o de toda a nación, que sería o cooficial. Normal que os seus fillos reciban na escola as materias en galego, excepto as que é obrigado dar en castelán e as materias de inglés e francés. A aprendizaxe de dúas linguas como as nosas, só nos trae ventaxas, xa que temos máis facilidade para aprender outras e podemos comunicarnos en máis partes do mundo. En conclusión, se esta señora non quere que os seus fillos falen galego e si castelán, xa sabe por onde ten que marchar.

    Gústame

  3. Quizais estea totalmente errada pero ao meu parecer esta carta está escrita por unha galegofalante orgullosa da súa lingua e defensora dos dereitos de Galiza que utiliza a retranca para denunciar a situación do galego na súa propia terra. Todos os exemplos que pon, todo ó que fai referencia, son críticas a un bilingüismo, que na vez de respetar ambas linguas, marxina ó galego e redúceo practicamente ao ámbito familiar. Na escola, na televisión, nos bancos, nos comcios, fálase galego? Pero se mesmo o xornal ó que se lle enviou esta carta está escrito en castelán!
    Encántame a derradeira reflexión do texto, porque eu tamén me sinto estranxeira cando na Coruña, en Vigo ou mesmo en Rianxo, semello ser a única que usa a nosa lingua, a lingua da nación.

    Gústame

  4. Totalmente de acordo con Ana Martinez Piñeiro.
    A min, como castelán-falante, deshónrame que hoxe en día do 100% da información que recibimos, un 90 ou 95% sexa en galego. Isto é incrible!
    Onde está a Galicia bilingüe que supostamente temos? porque eu nin a vexo nin a escoito..
    Tanto é así que me parece humillante que os poucos castelan-falantes que quedamos nos vexamos obrigados a fomentar a nosa lingua. Iso é denigrante! O castelán non necesita ser fomentado, iso quítalle prestixio!
    Acaso vedes aos galegos con camisetas fomentando a súa lingua ou con equipos de dinamización lingüística? Non! non o necesitan, pero claro! como o castelán é un caso aparte… As persoas xa deben de estar aburridas de que cada dous por tres lles digan: fala en castelán! falemos o noso idioma! etc.
    Iso mancha a lingua! Non fomentemos o castelán, falémolo que xa chega!

    Gústame

  5. Ana Martínez Piñeiro é, baixo o meu punto de vista, unha GALEGA con letras maiúsculas. A parte de escribir, falar e, atrévome a dicir, que pensar en galego, ten algo que só os de profundas raíces galegas ten: retranca.
    Fai un alegato tan forte “reivindicando” o castelán que os do Faro de Vigo quedaron deslumbrados de tal maneira que nin de conta se deron de que os estaba vacilando. Pero non se deron de conta que no seu xornal non se escribe en galego?
    Ana fálanos dun mundo ideal, pero que desgraciadamente vexo lonxe. Un país altamente galeguizado é, neste momento, unha utopía. Soñar, nos momentos que estamos atravesando, segue sendo de valde, e eu vou soñar que vivo no país que describe Ana.

    Gústame

  6. Non estou de acordo con Ana Martínez. Paréceme que unha persoa que ten a idea de falar en castelán, nun lugar no cal non se fala, non debería dicir que hai falta de comunicación do seu idioma; pois supónse que o que vai pasar é que se fale no idioma correspondente a ese lugar.
    O mesmo que ocorre en Galicia. Ana Martínez Piñeiro indica que só se fala en galego nas escolas galegas; algo completamente normal dende o meu punto de vista; aínda que non de todo certo, pois existe a materia de lingua castelá a cal non se dá en galego, máis outras materias como o inglés ou o francés e as matemáticas ou as tecnoloxías.

    Paréceme que Ana debería informarse previamente sobre a situación do galego, pois é o idioma propio de Galicia, e isto non o digo eu, senón que ademais está escrito, recólleo a Constitución Española; que di que os idiomas oficiais de Galicia son o galego e o castelán. Polo tanto a pesar de que Galicia é unha comunidade autónoma bilingüe non é de extrañar que se fale o galego, así que o fundamento da teoría na cal se apoia esta muller non ten validez.

    Doutra banda, estaría o caso da manifestación que tivo lugar en Febreiro de 2009 en Santiago de Compostela, na cal houbo enfrontamentos entre os manifestantes e a policía; que deu como resultado, varios feridos e algúns detidos; todo isto por defender a súa lingua. Paréceme indignante!

    Gústame

  7. Manuel, Estefan e Adrián:
    Creo que non vos decatastes da ironía. Se tivesedes lido os comentarios dos vosos compañeir@s, daríadesvos conta de que a autora desa carta é galega e está a defender o galego. Mais, como ben sinalan Irene e Estefan, sérvese da retranca, ontoloxicamente galega, para manifestar a súa opinión. Xulián mesmo vai máis alá e paradia o propio estilo da autora.
    Do you understand, now?

    Gústame

  8. Neste texto, Ana Martínez Fernández describe todo o contrario do que está sucedendo hoxe en día, pois representa o galego como a lingua principal e o castelán como lingua familiar. Ana, como se dá a coñecer, é unha galego-falante e vé que a súa lingua vai desaparecendo até reducirse ao ámbito familiar e, posiblemente, de seguir así , poida chegar a desaparecer.
    Como comenta Ana Martínez, eu síntome estraño nunha Galiza que fala, escribe e escoita en castelán, e non no noso galego, que reprensenta a Galiza como unha patria e non como catro provincias.

    Gústame

  9. Estou totalmente de acordo co que di Ana Martínez Piñeiro, ten razón en cada palabra que di, cada vez hai menos xente que fala galego, os pais apréndenlle aos fillos castelán porque para eles é un idioma mellor. Na miña opinión os galegos debemos de defender e loitar pola igualdade do noso idioma frente ao castelán, e se non o facemos nós quen o vai a facer, tanto na sociedade coma no ensino está mellor visto falar castelán que galego, algo que é totalmente erróneo. En Galicia hai dúas linguas oficiais o galego, a lingua histórica, propia da nosa comunidade e o castelán. Por historia, por cultura e por tradición os galegos deberíamos de falar galego e defender o que escritores como Castelao, Rosalía, etc fixeron fai tempo incluso arriscando a súa vida, o noso idioma.

    Gústame

  10. Sen dúbida o que Ana Martínez Piñeiro nos quere mostrar neste artigo é a discriminación que se está facendo cara o galego. Isto faino mediante a ironía xa que todos sabemos que nos días de hoxe hai máis casteláns-falantes que galego-falantes, que nos medios de comunicación se utiliza moito mais o castelán que o galego xa que o ven de máis prestixio. E mesmamente nas institucións públicas como é nun médico , nos colexios, etc, prima o castelán. E eu persoalmente comparto as ideas que nos quere mostrar, non as que mostra a simple vista.
    Polo tanto Ana Martínez o que fai é defender o galego non criticalo, debería de haber máis persoas que se preocupasen pola nosa lingua e que a apoiasen incondicionalmente, porque o que sobran son persoas que discriminen e teñan prexuízos cara o galego. Lingua que nos fai especiais, e pola cal me sinto moi orgullosa de pertencer a Galicia.

    Gústame

  11. A autora deste texto critica a discriminación do galego, posto que os exemplos utilizados son completamente reais, excepto por un erro, que non é o galego a lingua que domina, non é o galego a lingua na que se fala en todas partes, non falan esta lingua os traballadores do banco, nin os carteis que se atopan pola calle están en galego, e moito menos un só canal de telivisión que falen en galego. Todos estes casos ocorren en contra do galego, xa que todo o dito está en castelán e produce que o galego vaia a menos, e esta nai critica que os profesores falen cos seus fillos en castelán, xa que verdadeiramente ela os educou en galego e gustaríalle que fose así, pero na rúa e no colexio os educan en castelá.
    É unha boa critica e con bastante traballo detrás cunha inxeniosa idea, debería haber máis xente que defendese o galego desta maneira, así iría ganado escanos ata ser falada por todos os falantes da nosa Galicia.

    Gústame

  12. Neste texto Ana Martínez Piñeiro amosa a discriminación que sofre o galego no día a día.
    Actualmente poñas a orella para onde a poñas só oes falar en castelán, é a pura realidade.
    Vaias a onde de vaias todos falan castelán, no banco, no supermercado…
    É moi triste que en Galicia non se escoite falar a súa propia lingua.Que debería ser a lingua de todos e non a lingua duns poucos.A xente valora máis o de fóra que o de aquí.Deberíamos estar máis orgullosos da nosa lingua.
    Esta é unha boa crítica chea de ironía en defensa do galego e este xornal tería que tomar nota disto e publicar en galego.

    Gústame

Comentarios pechados.