Unha noite na eira do trigo…

CURROS ENRÍQUEZ

No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdéns dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
“Xa no mundo non teño a ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben”.

Os seus ecos de malenconía
camiñaban na alas do vento,
_ _ _ i o lamento
_ _ _ repetía:
“Vou morrer e non ven ó meu ben!”

Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.

I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
“Quen pudera dar volta _pensaba_,
quen pudera convosco voar!…”

Mais as aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
_ _ _ sólo os ventos
_ _ _ repetían:
“¡Quen pudera convosco voar!”

Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!…

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou sólo, de bágoas a proba,
_ _ _ unha cova
_ _ _ nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.

Curros Enríquez, Manuel (1992): Poesía galega completa. (Vigo: Ed. Galaxia)

FONTE : SON DE POETAS

Advertisements

A situación do galego hoxe

A Xunta admite que iniciou o mandato cunha “situación moi desfavorable” do galego no ensino.

“Desideoloxizar”, “despolitizar”, retornar ao “equilibrio”, “recuperar o consenso” e, sobre todo, poñerlle fin a unha suposta “imposición” do galego. Estes foron só algúns dos argumentos empregados pola Xunta para, no retorno do PPdeG ao poder, derrogar o decreto que rexía o uso dos idiomas no ensino dende o ano 2007, cun “mínimo” do 50% de materias na lingua propia do país, e substituílo polo denominado “decreto do plurilingüismo”. Con esa norma, aseguraba a Consellería de Educación, o galego deixaría de preponderar sobre o castelán. Máis de dous anos despois da aprobación da controvertida norma o departamento que dirixe Jesús Vázquez vén de recoñecer implicitamente que a situación descrita non se correspondía coa realidade, aínda que non nunha intervención pública, senón nunha resposta a unha pregunta parlamentaria escrita, documentos que en contadas ocasións chegan á opinión pública.

(…)

Nun exercicio ata agora inédito o departamento educativo do Goberno galego bota, de facto, por terra as teorías da imposición para recoñecer que o seu mandato “partiu dunha situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeneralidade dos centros galegos”, algo que se dá “especialmente nas provincias atlánticas”. No caso das “sete cidades máis poboadas” o uso do idioma “poderíase dicir” que é “escaso”, abonda a Xunta. Malia isto Educación aplicou sen cambios un decreto que permite deixar nun terzo as horas lectivas en galego se ben, tal e como ten relatado Praza Pública, colectivos de docentes, grupos de defensa da lingua e sindicatos educativos sinalan que a lingua propia apenas está presente “nun 20%” nas aulas, circunstancia á que se suma, entre outras, a súa práctica “desaparición” en Educación Infantil nas cidades.

Educación aplicou o decreto malia detectar un “uso minoritario do galego por parte do alumnado na xeralidade dos centros”.

FONTE: PRAZA PÚBLICA

OUTROS ARTIGOS RELACIONADOS:

A xustiza pola man

ROSALÍA DE CASTRO

Aqués que tén fama d’ honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu’ eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond’ eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos… ¡meus anxos!… que tant’ eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm’ a vida,
fixéronm’ un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei… ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum’ a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda…
tan alto qu’ estaba, bon Dios non m’ oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño… (ne’ as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces… estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu’ os ferira.

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

Nao
Abe Rábade

FONTE: SON DE POETAS