A xustiza pola man

ROSALÍA DE CASTRO

Aqués que tén fama d’ honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu’ eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond’ eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos… ¡meus anxos!… que tant’ eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm’ a vida,
fixéronm’ un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei… ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum’ a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda…
tan alto qu’ estaba, bon Dios non m’ oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño… (ne’ as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces… estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu’ os ferira.

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

Nao
Abe Rábade

FONTE: SON DE POETAS

Advertisements

2 opiniones sobre “A xustiza pola man

  1. Esta canción eche unha boa mostra de que a xustiza ou a pon cada un a súa ou os entendidos na materia non a poñen e cando a poñen nin a saben poñer. Cando é leve póñenche unha condena maior e cando é moi grave póñenche unha miserable condena. Por iso Rosalía nos explica con este poema esta razón da xustixa pola man.

    Gústame

Comentarios pechados.