Folga estudantil no ensino medio o 19 de abril para “parar os ataques contra o galego”

Podes colaborar na divulgación do evento engadindo aos teus  tweets  #19Aestudantespologalego                 A sección das mocidades de A Mesa pola Normalización Ligüística, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes convocaron para o día 19 de abril un paro no ensino medio para denunciar que a porcentaxe semanal de horas que se imparten en galego non chega ao 20%.

A esta folga, que será de toda a xornada, está convocado o alumnado do 2º ciclo da ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos, EPA e Ensinanzas Artísticas e Especiais.

As organizacións convocantes queren denunciar con esta folga que nos últimos tres anos non se puxo en marcha nin unha soa medida favorábel á lingua propia de Galiza, ben ao contrario, practicouse unha política lingüística destinada a reducir a presenza do noso idioma nas aulas. A mocidade reclama, tamén, que o galego exista nas materias científico-técnicas en que o Decreto 79/2010 impón o uso obrigatorio do castelán.

 O lema da xornada de folga será: PARAEMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO con el quérese chamar a atención sobre a situación do noso idioma.

O derradeiro destes ataques estase a dar nestes momentos nas escolas públicas do Bierzo, comarca na que a lingua tradicional é o galego e na que existe unha demanda social en torno á nosa lingua que o colectivo Fala Ceibe do Bierzo canalizou a través dun acordo asinado entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla- León, polo que os centros se comprometían a ofertar o galego en todas as etapas do ensino obrigatorio, especialmente nos primeiros cursos.

Pero, desde o curso pasado, algúns centros están a incumprir a súa adhesión a este programa, alegando que lles resulta imprescindible extinguir a oferta de galego para implantar unha sección bilingüe castelán-inglés.

A pesar de que as dúas ofertas son compatibles, pois ambos os programas teñen os seus respectivos recursos económicos, materiais e humanos; a pesar de que existe unha demanda social;  a pesar de que o galego siga a ser a lingua común dos avós de moitos dos alumnos dos colexios do Bierzo; a pesar de que parte dese alumnado cursa estudos universitarios en Galiza… A pesar de todo iso, parece que se puxo en marcha un proceso de erradicación do galego da oferta educativa da Junta de Castilla – León.

FONTE: EL PAÍS

Advertisements