Veciñas compostelás procedentes de fóra de Galiza reclámanlle ao alcalde de Santiago que fale en galego

Hai xusto 76 anos, Ánxel Casal foi o primeiro alcalde da Galiza contemporánea que falou en galego nun acto institucional.

Un grupo de veciñas de Santiago de Compostela procedentes da Bretaña, a Arxentina e Cataluña acompañaron hoxe ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística para lle solicitar ao alcalde da cidade que “use o galego oralmente e por escrito” no exercicio do seu cargo. Esas veciñas salientan que, malia naceren fóra de Galiza, saben falar en galego, queren que o galego se poida usar con normalidade, que se promocione desde as institucións e, por tanto, reclaman que o alcalde de Compostela tamén o fale.

Carlos Callón, presidente de A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA salientou que, desde febreiro de 1936, todos os alcaldes democráticos de Santiago de Compostela falaron en galego no exercicio das súas responsabilidades e que a única excepción se produce nestes momentos en que Xerardo Conde Roa se nega a utilizalo de forma habitual, polo que o instou a “rectificar”.

FONTE: A MESA

Advertisements