24 de Febreiro, día de Rosalía

Se Rosalía de Castro vivise, hoxe cumpriría 175 anos. Non parece que sexan tantos anos, mais percibimos a súa vida como dunha época lonxana e moi diferente á nosa; porén Rosalía, como muller, como poeta e como galega, foi unha adiantada ao seu tempo e, mesmo hoxe, segue a estar na vangarda.

A  imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao culto cronista que era o seu home, M. Murguía, a súa creación, pois Rosalía foi considerada habitualmente na historiografía como muller de escasa formación cultural. Non se estudaba realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida. Aínda hoxe podemos comprobalo a través dos numerosos blogues e páxinas webs (en español) que adicadas a ela surcan a rede. Case todas comezan do mesmo xeito: nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na “negra sombra”, formación  aldeá, descoberta da súa condición de ilexítima e trauma para toda a vida…

Rosalía, lonxe de ser unha muller resignada foi, en palabras de Francisco Rodríguez, un exemplo de feminismo, da concepción práctica de que a muller é igual ao home, máis ca ningunha escritora europea da súa época. Algo impensable nunha muller de formación aldeá. A nosa autora foi unha muller de grande cultura. Lera os clásicos greco-latinos, era boa coñecedora da literatura europea da súa época e especialmente das obras dos filósofos. Manexábase en francés e participaba, entre homes, nas tertulias literarias do Liceo de la juventud, en Compostela, onde mesmo fixo representacións como actriz afeccionada. Non podería ser doutra maneira, pois da intuición espontánea para a versificación non nace o nihilismo, nin o existencialismo, nin a concepción da irracionalidade do mundo que latexa fondamente en Follas Novas e na súa obra posterior en castelán, encadrándose con voz propia entre os “poetas malditos” (revolucionarios, bohemios, iconoclastas, decadentes e profundamente críticos coa sociedade do seu tempo).

Eis a modernidade de Rosalía! A razón de que hoxe a súa poesía siga viva e feraz (producindo novos creadores que, como lectores, beberan nas súas páxinas) é esa profundidade de fonte inesgotábel  que posúe, mais tamén o xeito de estar e de ser da súa autora. Rosalía resulta moi atractiva para un lector/a de hoxe, pola súa actitude revolucionaria, pola súa bohemia, porque saltaba por riba dos tabús mesmo coa súa relixiosidade (panteísta, ao estilo tradicional galego) e contraria ao dogma, o que lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago, que lle negou a homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

Talvez por todo isto hoxe reclámase que o 24 de febreiro sexa declarado DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO ou, cando menos, que regalemos neste día un libro en galego e unha flor…

Para que a nosa máis universal escritora deixe de ser…

Estranxeira na súa patria

Na xa vella varanda
entapizada de hedras e de lirios
foise a sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.

Interminable precesión de mortos,
uns en corpo nomais, outros no esprito,
veu pouco a pouco aparecer na altura
do direito camiño
que monótono e branco relumbraba,
tal como un lenzo nun herbal tendido.

Contemprou cal pasaban e pasaban
collendo hacia o infinito,
sin que ó fixarse nela
os ollos apagados e afundidos
deran siñal nin moestra
de habela nalgún tempo conocido.

I uns eran seus amantes noutros días,
deudos eran os máis, i outros amigos,
compañeiros da infancia,
sirventes e veciños;
mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na varanda contempraba
cal brilaban os lumes fuxitivos.

(Follas Novas, 1880)

A Literatura Medieval e os Séculos Escuros

Xa tedes colgado na vosa páxina , ALUMNOAS, o material necesario para abordar a Literatura Medieval e a Literatura popular dos Séculos Escuros.

Se queredes ampliar a información, consultade este blogue: LITERATURA GALEGA

Non esquezades que, ao acabar, deberedes crear unha cantiga ou de amigo, ou de amor, ou de escarnio…

Mentres, deixovos con este DESCORT PLURILINGÜE… (Haberá premio para quen me explique que é iso)

Eras quan vey verdeyar
Pratz e vergiers e boscat
ges,
Vuelh un descort comensar
D’amor, per qu’ieu vauc aratges;
Q’una dona.m sol amar,
Mas camjatz l’es sos coratges,
Per qu’ieu fauc dezacordar
Los motz e.ls sos e.ls lenguatges.

Io son quel que ben non aio
Ni jamai non l’averò,
Ni per april ni per maio,
Si per ma donna non l’o;
Certo que en so lengaio
Sa gran beutà dir non sò,
çhu fresca qe flor de glaio,
Per qe no m’en partirò.
.
Belle douce dame chiere,
A vos mi doin e m
‘otroi;
Je n’avrai mes joi’ entiere
Si je n’ai vos e vos moi.
Mot estes male guerriere
Si je muer per bone foi;
Mes ja per nulle maniere
No.m partrai de vostre loi.

Dauna, io mi rent a bos,
Coar sotz la mes bon’ e bera
Q’anc fos, e gaillard’ e pros,
Ab que no.m hossetz tan hera.
Mout abetz beras haisos
E color hresc’ e noera.
Boste son, e si.bs agos
No.m destrengora hiera.

Mas tan temo vostro preito,
Todo.n son escarmentado.
Por vos ei pen’ e maltreito
E meo corpo lazerado:
La noit, can jatz en meu leito,
So mochas vetz resperado;
E car nonca m’aprofeito
Falid’ ei en mon cuidado.


Belhs Cavaliers, tant es car
Lo vostr’ onratz senhoratges
Que cada jorno m’esglaio.
Oi me lasso que farò

Si sele que j’ai plus chiere
Me tue, ne sai por quoi?
Ma dauna, he que dey bos

Ni peu cap santa Quitera,

Mon corasso m’avetz treito
E mot gen favlan furtado

Descort ou descordo plurilingüe de Raimbaut de Vaqueiras (1180-1207) ( en provenzal, italiano, francés, gascón e galego)