AS CARICIAS SÁBENME AZUL

Aínda non teño o diagnóstico do médico, pero estou segura de que o meu é sinestesia. Non pode chamarse enfermidade porque os sinestésicos facemos vida normal, trátase dun simple desarranxo dos sentidos, un cruce de sinais: a estimulación dun sentido corporal percíbese tamén noutro. Hai quen escoita aromas, outros saborean metais só con mencionalos, ven os números dunha cor distinta cada un, cheiran os nomes da xente ou senten a música de jazz como unha lufada de vento nas pernas. Disque hai moitas persoas que teñen esa sensibilidade pero non son conscientes dela. Pensan que é o habitual, non se consideran especiais.

(…) Ben cativa era eu cando cheguei a Galicia co meu nome oficial, Eva, doado de lembrar e pronunciar. Pero a maxia sinestésica do pobo axiña descubriu que algo non funcionaba e cambioumo. Eu son “Catiusca”, desde aquela así me chaman todos con gran satisfacción e cariño. Cada quen sentirá distintos impulsos sensoriais co nome Catiusca, pero seguro que coinciden en que é o que mellor me vai, porque é o meu.

(…) HAI MUNDOS QUE EXISTEN UNICAMENTE EN GALEGO

Noutros idiomas serían vida sen tempo ou sinfonías sen aire, puro desacougo. (…) A lingua galega é o catalizador máxico de mundos auténticos, de experiencias físicas, de realidades patentes. Seino porque non son a única con sinestesia aquelada, somos numerosos os que recibimos impresións externas das palabras. Roces suaves e bicos profundos.

(…) O termo “carballeira” remóvenos os cinco sentidos, un por un, con estímulos perfectamente identificables, fisiolóxicos, concretos. Nada que ver con “robledal” nin con “oak grove” por moito que signifiquen o mesmo. “Carballeira” cheira distinto, ten sabor propio , soa peculiar, loce unha imaxe característica e ofrece unha sensación epidérmica precisa.

Unha soa palabra é capaz de remover a consciencia porque, ademais da invasión íntima e directa, leva outra resonancia evocadora que se propaga e multiplica sen límites. Coa carballeira chega o aturuxo, a brétema, o agarimo dun amor, a filloa da avoa, a herba mollada, sentidos desbordados e verbas amigas loitando por desencadear as mellores reaccións inesquecibles na alma.

Cada palabra é un mundo, cada lingua un universo rico en experiencias que non se poden traducir porque son únicas. (…) Sinto que comparto moito contigo. Estás a ler galego, así que ti es dos meus.

Artigo de EVA WOJKIEWICZ, publicado no “defunto” XORNAL DE GALICIA o 23-02-2011

SE TI TAMÉN PERCIBES SENSACIÓNS EXTERNAS DAS PALABRAS, ROCES E BICOS E CRES QUE HAI MUNDOS QUE EXISTEN SÓ EN GALEGO, CÓNTANOLO!!!!!!!!!!!!

DEIXA O TEU COMENTARIO AQUÍ, POR FAVOR!!!!

Advertisements