UN DOCENTE …EN ORIXE (segunda despedida)

O profesor acabou de debuxar un esquema no encerado. Cada póla da árbore conducía a Kant. As palabras Igualdade e Razón foron as últimas que debuxou o trazo de xiz. O esquema arbóreo de Kant concluia a lección.

-E agora comprendedes cal é a intención do filósofo?

O profesor vestía unha camisa de cadros verdes e un pantalón de pana gastado. Era baixo e delgado, con barba rubia e pouco pelo. Ese día antes de xantar decatouse de que a súa filla de trece anos xa era máis alta ca el. (…) Levaba unha das patas das súas lentes á boca e, mentres xogaba con ela entre os labios, a súa ollada escrutaba con atención e curiosidade o outro lado.

No outro lado nacían as ideas. O misterio da creación, dicía el. Cada ano, con cada promoción, observaba como os alumnos e alumnas modelaban o pensamento, como ía collendo forma e consistencia.

-E que ten que ver Kant con nós?, preguntou unha alumna no fondo á esquerda, a que sempre facía a derradeira pregunta cando só faltaban dez minutos (…)

-Que ten que ver con nós todo isto? repetiu. Era Laura (…)

-Laura, dixo o profesor, a ideoloxía dominante pretende lexitimar a orde existente, e preséntaa como normal, como garantía de paz social (…). Mais hai que tomar conciencia de que a organización social non é harmónica, nin pacífica, nin solidaria… Poderías poñer un exemplo?, dixo interrogando a Laura, sinalándoa cos lentes.

Laura tamén mirou cara a fóra, a través do cristal e comezou a falar.

-Onte comecei a ler unha novela. Seoane fai as prácticas de xornalismo nun diario local. Anda á busca de noticias frescas. É de noite e está na barra dun pub, tomando unha copa. A xornada foi dura… (…) E agora, coa copa de Jack Daniel’s na man, segue agardando que suceda algo que modifique a forma da rutina.

Laura dirixiuse aos seus compñeiros e compañeiras. -Podedes imaxinar a Seoane? Imaxinade a súa roupa, as súas mans, o seu corte de pelo, a súa forma de se debruzar na barra do pub.

Deixou que pensasen uns segundos en silencio e continuou:

-Seoane pide outra coma e mentres lla serven vai ao baño e retoca a liña dos ollos. Seguramente todos e todas vós imaxinastes un home. A min tamén me sucedeu. Pois non. Seoane é unha muller.

-E que queres dicir con iso?, preguntou un compañeiro da primeira fila.

-Imaxinamos un home porque a norma social representa a profesión do xornalismo como tipicamente masculina. Imaxinamos un home porque parece que é o normal, o que se espera. E non fomos conscientes da outra posibilidade… Estamos condicionados polos valores sexistas do noso entorno social.

-Vale. E que ten que ver iso con Kant?, preguntou o profesor.

-A min a novela deume para pensar na liberdade. Se a liberdade é a capacidade de elixir reflexivamente e de actuar de acordo co elixido, en certo grao non fomos libres porque non fomos conscientes da outra opción, que Seoane podía ser unha muller. Non fomos libres porque caemos nun lugar común.

E iso ten que ver coa situación social da muller, subordinada. Non sei, penso que Kant no fondo fala sobre a liberdade.

-Moi interesante, Laura. Kant di que a conciencia (…) debe ser o arranque dun compromiso de denuncia e participación na transformación social. Así, non se debe aceptar a perspectiva do consenso como a única vía posible e hai que valorar tamén a perspectiva do conflito como dinamizador e como fonte de movementos sociais reivindicativos, de clase, raza, sexo, lingua…

SECHU SENDE, ORIXE

___________________________________________________

Para Laura e para todas as Lauras que durante oito anos tiven como alumnas e alumnos en Trazo…

http://vimeo.com/moogaloop.swf?clip_id=21128469&server=vimeo.com&show_title=0&show_byline=0&show_portrait=0&color=00adef&fullscreen=1&autoplay=0&loop=0

“Curiosidade”, Lois Pereiro from Jorge García-Valenciano on Vimeo.

A CURIOSIDADE É A MAN QUE ALCANZA AS COUSAS DO FUTURO.

Advertisements

2 opiniones sobre “UN DOCENTE …EN ORIXE (segunda despedida)

  1. Despois de dar un volta por aquí e aínda sendo hoxe un día nubrado para min e con lume no Pedroso non podo deixar de lembrar con alegría a que debeu ser unha das primeiras xeracións de mozos de mozas de Trazo que pasaran polas túas mans. Non sei se lembras este detalle… xa alí había moitas Laura.

    Que vai moi ben Marlou! e non deixes de ternos informadas :-*

    Gústame

  2. Si, lembro. Tamén o ben que o pasarades . E si, fora a miña primeira fornada de 4º de ESO en Trazo. Lévoos a todoas no corazón…
    En realidade eu tampouco me vou de todo. Este blogue vai servir para manter os fíos, así que por aquí nos atoparemos… só hai que botar a nasa ao mar!

    Gústame

Comentarios pechados.