A CULLERIÑA DE ÁNXELES

Veño de ler en Galicia Confidencial un artigo de Séchu Sende que me trouxo ao corazón a Ánxeles, a muller que me regalou a miña primeira culleriña de cores. Mais as culleriñas de Ánxeles, contrariamente ás de Luísa,  non enchen de rabia, nin de carraxe, …nin de tristura. A miña primeira culleriña de Ánxeles é de Anxos, azul, grana, máis azul, amarela e azulGalicia! Ademais, non é só unha culleriña, tamén é un garfo!

Ánxeles regaloume a culleriña para que comese moitos kiwis, que son moi bos para algo (aínda que non lembro para que) e teñen moitas vitaminas… Ánxeles é bióloga. É o que teñen os anxos! Como as nais, andan sempre a coidar de nós.

Agora, sentada á miña mesa de traballo, saúdo cada día a miña culleriña de cores, pousada no andel dos libros, das fotos e das flores. Tamen hai unha bicicleta (en realidade é un tándem) ao seu carón. Cada día comezo a miña viaxe ollando as cores da miña culler-garfo e cada día apago o ordenador deitando a derradeira ollada sobre a miña cullerilla para kiwis (que non dou comido). E penso… non estou soa! Como tampouco o está Luísa cada vez que debe roubar unha culler. Como non o estará a súa filla cando xunte garfos.

A miña culler fálame. Cóntame como van as cousas por Trazo. Fálame nun galego non ortodoxo, non normativizado, non académico, …fálame no galego de Campo, de Berreo, de Chaián e de Agra do Mestre. Fálame e tráeme saudades…

Aí vos quedan, xente de Trazo, as 13 culleriñas de Séchu Sende

Advertisements

PRESENTACIÓNS DE LITERATURA PARA 4ºESO

Xa están colgadas na páxina de 4ºESO as presentacións de Lourenço Álvarez para a Literatura de 1936 a 1976, elaboradas para 2ºBACHARELATO, pero que aquí poden servir de “ampliación”…