De por que o galego é hoxe unha lingua minorizada. (Vivir cada día.1979)

Despois de ollar esta reportaxe, imaxino que a ninguén lle queda dúbida de por que hoxe o galego é unha lingua minorizada, nin sobre as razóns polas que continúa a sangría de falantes, especialmente entre a mocidade. A escola española e en español non deixou oco para o galego e os nenos e nenas do rural, monolingües en galego, foron calificados de túzaros, de poucas palabras e de pobreza léxica. Os que falabamos galego eramos PALET@S! A nosa pobreza léxica, lingüística e cultural non se medía en relación á nosa cultura, á nosa lingua nin ao léxico de nós; senón en relación a unha lingua e cultura foránea, allea,  para os nen@s que eramos da aldea. Os Balbinos  e as Balbinas fomos penalizados no sistema educativo público e español por sermos o que eramos: galeg@s! Eis a razón do autoodio, eis a razón da vergonza do propio, eis a razón da deserción de sermos nós mesmos! A maioría deses nen@s teñen hoxe 40 anos. A maioría, probablemente, está a vivir nunha vila ou nunha cidade. A maioría, seguramente, fala español e parécelles moi atinado que “non se impoña o galego”. Mágoa de que a maioría non se pare a pensar que o galego é a única lingua NON imposta en Galiza, por ser a única creada por nós, o pobo galego.

Advertisements

3 opiniones sobre “De por que o galego é hoxe unha lingua minorizada. (Vivir cada día.1979)

  1. Grazas por poñer imaxes as historias ou mellor dito, vivencias que me ten contado miña nai, meu pai, os avós…
    Fai 40 anos disto… Só.
    Fai 40 anos os que falabades galego erades palet@s, nas aulas os mestros falaban o castelán cos alumnos, e moitos destes, se viñan dun pobo para a aldea, nin coñecían o galego. Non é?
    Eses nenos, hoxe rondando os 40 anos, como ben dis Sofia, convertérose en persoas que odian o idioma das súas raíces. Aínda é hoxe o día que miña nai ou meu pai me di -para que che serve o galego?-, e eu por medo a discutir e a enfadarme con eles por falta de razoamentos coherentes pola súa parte, calo e trago saliva. Aínda é hoxe o día que din, que recordan de mala maneira que o galego non vale para saír fóra da Galiza, porque recordan aqueles anos de emigración a Suíza onde non sabían defenderse co idioma. Mais eu fágome unha pregunta: o castelán en Suíza valeulle de algo? Valeulle tanto como o galego! Pero iso é porque existe unha rica diversidade lingüística no mundo, e en Suíza falábanse outros idiomas como italiano, alemán ou francés. Así é que non entento esa teima por defender tanto o castelán, porque é un idioma igual de importante que o portugués, o inglés, o chino, o galego… en cadaseu lugar. Neste caso todo dependerá do país ao que emigres, viaxes, mais sempre terás as mesmas dificultades co idioma, e deberiamos estar orgullosos, porque iso tamén é símbolo da dita diversidade lingüística, que non se valora. A mala sorte dos meus pais e de toda esa xeración, foi que non dispoñían de medios coma os nosos de hoxe en día para aprender idiomas. Marchan a un país extranxeiro, ven que o que falan non lle vale para comunicarse como quixeran, mais en vez de valorar por outro lado iso, en vez de pensar no enriquecemento que leva aprender un idioma, quédanse con todo o malo, e cando chegan á Galiza de novo, creen que o galego non lles vale para nada. Non lles valeu en Suiza, mais na Galiza (que ao final é onde pasan e acaban as súas vidas, con fillos, netos cos que falar e contar estas vivencias, comunicarse todos os días… Menos mal que non vale para nada…) Portugal, Brasil… vale moito máis do que pensamos.
    En canto ao galego, paréceme que na Galiza se pode falalo perfetamente, porque que eu saiba todos os galegos nos entendemos uns aos outros. Pois ben, esa xente que o deixa de lado, e o cambia por unha lingua foránea, neste caso o castelán, é porque non ten interese algún por protexer, transmitir a seguinte xeración as súas raíces, que de seguro que non as sinten, ou debería preguntar a un castelán falante da Galiza, cales son as túas raíces?
    Creo que un galego só pode facerse chamar así se fala a lingua galega de maneira habitual. Iso sí é ser galego. E loitar contra estes prexuízos, é o que se debería facer, e non odiar o que un ten.
    Para finalizar, antes os que falaban galego eran palet@s, mais hoxe en día o vocábulo avanzou e transformouse! Hoxe en día a xente nova que falamos galego somos “gañáns”. Mira que ben! Pois eu non me vou ofender, non o sinto así, e se somos gañáns, eu estou ben orgullosa de selo. Rite. Son galega. Orgullo galego.
    Este tema tan interesante pode dar moito que falar, a min xa me dou para pensar e case discutir hoxe coa miña nai, mais calei e aguantei.
    E sen máis, despois deste looooooooooo ooo oooongo comentario, que oxalá dea paso a outros, mándoche unha aperta Sofia.
    Parabéns por este traballo no mundo virtual! É xenial!
    Beijinhos!
    Lucia N.C.

    Gústame

  2. Vaia se é longo. Mais direiche que é a mellor forma de botar a carraxe (lingüística) fóra. Grazas por seguir a facer comentarios aquí. Dáslle vida a este mundo virtual!

    Gústame

Comentarios pechados.