O PERIGO DA HISTORIA ÚNICA

As historias poden quebrar a dignidade dun pobo. Mais as historias tamén poden reparar esa dignidade quebrada…

http://video.ted.com/assets/player/swf/EmbedPlayer.swf
As historias únicas son as que contan, sempre, os vencedores. Son as que aparecen nos libros de texto que escriben e publican os vencedores. A Historia que nos ensinaron na escola foi escrita por homes brancos portugueses, españois, franceses, ingleses… Hoxe por “americanos” (dos EEUU). É dicir, foi escrita por colonizadores, por vencedores. A Historia dos negros, dos orientais, dos árabes… non existe para nós. A Historia das mulleres foi escrita por homes… non existimos, apenas, nos libros de Historia, porque non existíamos na sociedade, só eramos obxectos que os homes posuían.  A Historia de España escribírona os que venceron nas guerras dinásticas do XIV, do XV, do XVII; nas guerras civís do XIX; na guerra incivil do 1936, os franquistas… A Historia de Galiza escribiuna España, por iso o noso reino nunca existiu nos libros de historia, foi desde o inicio dos tempos anexionada por unha Castela surxida, incriblemente, en Covadonga-Asturias. A nosa lingua non existe, porque a escola ensinounos a ler e a escribir en castelán. E agora, se a economía española nolo permite, á nosa casa chamámoslle “Villa Aranjuez”.

Se a unha nena negra, como a nixeriana Chimamanda Adichie, lle dan a escoller entre dúas bonecas, unha negra e outra branca, escollerá a branca e argumentara a súa escolla dicindo que é a máis limpa, a máis boa, a que mellor se porta, a máis guapa e a máis rica… Iso é o que lle ensinou a sociedade branca, que é a que manda!

Se a un neno galego lle preguntan cal é a lingua que mellor lle soa e lle dan a escoller entre catalán, portugués, inglés, castelán e galego; escollerá (por norma xeral) como linguas ben soantes o castelán e o inglés e incluirá dentro das linguas mal soantes o portullés (porque parecen xitanos), o catalán (porque son do Barça e separatistas) e, tristemente, o galego, a lingua que debería ser a súa, pero que lles soa a aldea, a atraso, a miseria, a vello… a paleto. Por que? Porque iso é o que lles ensinaron na escola española desde que os Ilustrados as espallaron por toda a Península: No sea bárbaro, hable castellano, es de cumplido caballero…

Como vemos, o perigo da Historia única é o seu inexorable camiño cara ao pensamento único, berce de todo fascismo, de todo racismo, de toda xenofobia… A Historia única, como o pensamento único, non respecta ao que é diferente, porque unha sociedade de individuos idénticos é máis manipulable, máis dócil, que unha sociedade de homes e mulleres diversos, distintos.

En consecuencia, a única maneira de loitar  contra a Historia única, contra o pensamento único, en definitiva, contra os prexuízos, é manter a nosa identidade, sendo iguais en deberes e dereitos mais sendo diferentes en seres. Só  así pensaremos por nós mesm@s, para despois poder existirmos, tamén, por nós mesm@s .

Cando rexeitamos a Historia única, cando nos decatamos de que nunca hai unha historia única sobre ningún lugar, reconquistamos unha especie de paraíso.

Advertisements